18 dec 2023

Turismo de Galicia licita o proxecto para completar a restauración do Parque do Pasatempo de Betanzos por máis de 800.000€

Parque Pasatempo

Turismo de Galicia vén de abrir o proceso de licitación das obras que farán posible completar a restauración do Parque do Pasatempo de Betanzos cun investimento de máis de 800.000€. As actuación enmárcanse no Plan Xacobeo Next Generation posto en marcha pola Xunta de Galicia con fondos europeos para a rehabilitación e mellora de 12 Bens de Interese Cultural de titularidade pública vencellados ao Camiño de Santiago. 

As actuacións son a segunda e a terceira fase das obras e estrutúranse en dous lotes. Por unha banda, no primeiro dos lotes, realizarase a restauración da parte norte da primeira terraza, centrándose no chamado Estanque da Gruta, a Gruta da Recoleta para salvaguardar a súa unidade estilística. Tamén se recuperarán elementos escultóricos e arquitectónicos moi notables, que presentan nalgúns casos un estado semirruinoso e se actuará na Fonte das Catro Estacións.
 
No segundo lote, as actuacións inclúen restauración do circuito hidráulico e tratamento dos bordes do estanque do Retiro. O proxecto comprende incorporar as varandas de ferro fundido como unha parte do sistema hidráulico que permita con posterioridade e cando todo o sistema hidráulico do parque estea en funcionamento, que estas pilastras poidan funcionar como fontes.
 
O prazo de presentación das ofertas será ata o vindeiro 5 de xaneiro e as obras terán un prazo de execución de 13 meses no caso do lote 1 e 12 meses no caso do lote dous. 
 
Plan Xacobeo Next Generation
O proxecto de restauración do Parque do Pasatempo conta cun investimento global de 1,5M€ e licítanse agora dúas das súas fases. Enmárcase nos distintos proxectos que a Xunta de Galicia está facendo realidade cos fondos europeos que foron asignados á Comunidade galega co Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Unión Europea. En concreto, forma parte do Plan Xacobeo Next Generation, que inclúe a posta en marcha de distintas liñas de axuda, a sinalización da rede cicloturística Eurovelo ou a rehabilitación de 12 BIC do Camiño de Santiago, entre os que se encontra o Parque do Pasatempo de Betanzos.
Arriba