23 xan 2024

A Xunta promove a xira galega de Abraham Cupeiro coa Orquestra Gaos que comeza en febreiro

Abraham Cupeiro

O xerente de Turismo de Galicia, Antonio Casas, participou na presentación da xira galega do destacado compositor e multiinstrumentista galego Abraham Cupeiro, que ofrecerá catro concertos nos meses de febreiro e marzo no seu novo espectáculo Mythos acompañado pola Orquestra Gaos. Unha iniciativa da produtora Thinking Up Events co patrocinio de Turismo de Galicia.

No acto -que contou cunha pequena actuación en directo do artista e a orquestra- o representante da Xunta de Galicia salientou a importancia de iniciativas como estas para ofrecer alicientes aos galegos para impulsar o turismo interno e tamén para atraer aos viaxeiros que escollan Galicia nos vindeiros meses. 

Esta gran producción musical contará con máis de 50 persoas sobre o escenario e ofrece unha viaxe a través das mitoloxías árabes, célticas, romanas e gregas cun innovador proxecto. En concreto, mergulla aos espectadores en mundos e cidades perdidas no tempo e recupera instrumentos dos teatros gregos e circos romanos. 

Entre outras pezas, descubrirase como soa o Aulós, un instrumento fundamental na antigüidade grega, cuxa invención se atribúe á Deusa Atenea. Tamén se revelan os resonantes tons do Cornu, rescatado das cinzas de Pompeia, unha impoñente trompa que os romanos utilizaban nas súas campañas bélicas. Xunto a Cupeiro estará a Orquestra Gaos, formada por músicos de toda Galicia, na súa mayoría estudantes e profesores dos conservatorios galegos.

Entradas xa á venda

A xira de Abraham Cupeiro está composta por catro recitáis que se celebrarán  en Ferrol, o 1 de febreiro no Auditorio; o 1 de marzo no Auditorio Municipal de Ourense; o 2 de marzo no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela e o 22 de marzo no Auditorio Gustavo Freire de Lugo. As entradas xa están dispoñibles en Ataquilla.com.

 
Arriba