11 mar 2024

Arranca a nova temporada dos trens turísticos de Galicia coa primeira saída da Ruta da Camelia

Trens turisticos

A nova temporada dos trens turísticos de Galicia arrancou o sábado 9 de marzo coa primeira saída do itinerario do Tren da Camelia en Flor, unha das 14 rutas que estarán dispoñibles durante este ano dentro da iniciativa posta en marcha entre a Xunta de Galicia, Renfe e o Inorde que permite coñecer a Comunidade galega e moitos dos seus recursos máis destacados a bordo do tren. 

O Tren da Camelia en Flor sae hoxe 9 de marzo e terá a próxima saída o día 23 de marzo, para a que os billetes xa están esgotados. Coincidindo co período de floración da camelia, na ruta visitaranse tres xardíns que contan coa certificación de Excelencia Internacional. En primeiro lugar, o Pazo Quinteiro da Cruz, en Ribadumia, no que florecen máis de 5.000 exemplares de camelias de máis de 1.500 variedades a partir da que elaboran o seu propio té, que os viaxeiros poderán degustar. 

Tamén se visita o Castelo de Soutomaior, coñecendo o seu xardín de camelias con nomes de muller: Rosalía de Castro, María Casares ou a Bella Otero. Finalmente, o percorrido inclúe o Pazo de Rubians, que conta con máis de 800 variedades de camelias e unha finca de albariño, viño que se degustará ao rematar a visita.

Rutas dun día
O Tren da Camelia en Flor é unha das 14 rutas que estarán en marcha este ano dentro da experiencia dos Trens Turísticos de Galicia que, neste caso comezarán a circular a partir de xuño, e inclúen itinerarios como a Ruta dos Faros; o Museo MEGA, a Ruta da Lamprea, a Ruta dos Mosteiros, a dos Queixos de Galicia, a das Mariñas ou as dos viños das cinco denominacións de orixe. 

Como cada ano, cada unha das rutas poderase realizar nun día e, ademais da viaxe en tren, o programa ofrece un servizo de guías oficiais de Galicia durante o percorrido, traslados complementarios en autocar e entradas aos puntos de interese. Os billetes estarán dispoñibles proximamente para a súa compra a través das plataformas habituais, en calquera estación de Renfe, na súa web e en venta telefónica. Toda a información de prezos, calendario e venta consultarase tamén na páxina web de Turismo de Galicia.

Arriba