11 mar 2024

O Xacobeo Xove xa promoveu a experiencia do Camiño de Santiago en máis de 3.000 mozos e mobilizou máis de 1,2M€ entre o sector turístico galego

Xacobeo Xove

O Consello da Xunta informou dos avances do programa Xacobeo Xove, a iniciativa que promove a experiencia do Camiño de Santiago en territorio galego entre a mocidade a través de descontos en paquetes deseñados por axencias de viaxe galegas, e que entre o ano pasado e este 2024 beneficiará a máis de 3.000 mozos de distintas partes do mundo e xa mobilizou máis de 1,2M€ entre o sector turístico galego. 

 
Como se informou hoxe, o Xacobeo Xove está a avanzar a moi bo ritmo, a piques de comercializar todas as viaxes dispoñibles. Así, ata o de agora puideron aplicarse 3.100 descontos en viaxes que serán desfrutadas ao longo deste 2024, tanto de xeito individual como en grupo. Trátase de mozos e mozas maioritariamente estudantes de ata 30 anos que optan por tipoloxías de viaxe diversas: en parella, en familia ou con amigos. A maior parte son de distintos puntos de España (Madrid, Andalucía, Valencia, Estremadura, Cataluña, Murcia, País Vasco, Castela e León…) pero tamén se rexistraron reservas de mozos de Italia, Irlanda, Reino Unido e Suecia.  
 
O prezo medio das viaxes comercializadas foi de 408 euros por persoa. Deste xeito o Xacobeo Xove permitiu que boa parte da mocidade puidese acceder a vivir a experiencia do Camiño de Santiago á metade do custe xa que a través do programa ofrecíase un desconto de 200 euros. Participan na iniciativa un total de 25 axencias de viaxe maioristas e minoristas galegas nas que o impacto económico total foi de 1,2M€
 
O Programa Xacobeo Xove ten dispoñibles os últimos bonos para as persoas interesadas, mozos de 12-30 anos que teñan activo o Carné Xove e que adquiran a experiencia a través das axencias de viaxe adheridas e dispoñibles na web www.xacobeoxove.com.  
 
Futuro da ruta xacobea
O Programa Xacobeo Xove é unha iniciativa financiada por Turismo de Galicia que se puxo en marcha o pasado mes de xullo en colaboración coa Consellería de Política Social e Xuventude, o Clúster Turismo de Galicia, así como a Asociación de Axencias de Viaxes de Galicia (AGAVI), a Asociación de Turoperadores Receptivos de Galicia (ATREGA) e a Asociación Provincial de Axencias de Viaxes de Pontevedra (AVIPO). 
 
Diríxese a fomentar a peregrinación entre a poboación máis nova e potenciar o futuro do Camiño de Santiago. Cóntase coa colaboración das axencias de viaxes que crean paquetes turísticos nos distintos itinerarios da ruta xacobea en Galicia para os usuarios do Carné Xove a un prezo especial que inclúe un desconto de 200 euros sobre o prezo habitual.
Arriba