02 abr 2024

O Concello de Oia renova a sinalización da Ruta Máxica de Mougás a Santa Marta co apoio de Turismo de Galicia

Ruta Maxica Oia

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou a Ruta Máxica de Mougás a Santa Marta de Oia, un percorrido que conta cunha sinalización renovada grazas a unha axuda da Xunta de 30.000 euros da convocatoria de axudas do ano pasado. 

Trátase dunha subvención de Turismo de Galicia destinada aos concellos con menos de 10.000 habitantes que conta cun orzamento de 3 millóns de euros para toda Galicia e que permite potenciar e mellorar as infraestruturas turísticas da comunidade autónoma. 

No caso de Oia, o concello investiu esta axuda nun percorrido que cada ano conta con máis visitantes e que grazas ao traballo de promoción do grupo municipal, estase a converter nun importante atractivo para os millares de turistas e peregrinos que cada ano pasan por este concello costeiro. 

Con esta actuación, desenvolvida a finais do pasado ano, quedaron renovadas as estruturas de sinalización direccionais (balizas, placas e postes frecha) así como as mesas interpretativas coa información sobre os principais recursos, tendo en conta que algunhas delas estaban xa deterioradas. Os traballos incluíron a elaboración dos novos contidos, a retirada da vella sinalización, a colocación dos novos soportes e os preceptivos traballos de control arqueolóxico.

Neste sentido, acompañado pola alcaldesa de Oia, Cristina Correa, o delegado territorial percorreu os primeiros metros da Ruta Máxica, comprobou o bo resultado dos traballos de sinalización e destacou a “o gran traballo que desenvolveu o concello, que está a demostrar o seu compromiso coa promoción turística de Oia e coa creación e conservación de espazos de lecer para toda a veciñanza”. 

Pola súa banda, a alcaldesa non quixo perder a oportunidade de agradecer o apoio da Xunta e, “sobre todo ás comunidades de montes e ás persoas que colaboraron na creación e deseño deste itinerario sendeirista”. 

Ruta Máxica de Oia

A Ruta Máxica de Oia percorre preto de 20 km das parroquias de Santa María de Oia, Pedornes, Viladesuso e Mougás, transcorrendo por terreos de monte veciñal en man común situados a unha altitude entre os 100 e os 300 m sobre o nivel do mar. De trazado lineal, está sinalizada nas dúas direccións pero recoméndase percorrela de sur a norte.

O itinerario permite gozar de numerosos miradoiros naturais con vistas ao Atlántico, zonas de petróglifos e castros (A Pedreira, A Pousadela, Cano dos Mouros e A Cabeciña, entre outros). Tamén contén espazos de interese natural como poden ser o bosque das Sobreiras do Faro e as pozas de Mougás, entre outros atractivos.

Arriba