22 abr 2024

A Xunta promoveu a ‘Primavera de portas abertas’ nas Rutas dos Viños na Ribeira Sacra

Influencers na Ribeira Sacra

Turismo de Galicia continuou a fin de semana do 20 e 21 de abril coa súa campaña de promoción da Primavera de Portas Abertas nas rutas dos viños da man dun grupo de influencers que promoverán durante estes días as actividades que están programadas nos meses de maio e xuño nas rutas do viño para o público en xeral. 

 
Esta acción promocional contou neste caso coa participación de Petiscos galegos, Galicia Angibaldrich, Gallegoviajero, Curiosi.travel, para os que Turismo de Galicia organizou un programa de visitas a distintas adegas, unha ruta polo Miño e os miradoiros do Canón do Sil e tamén coñoceron o Ecomuseo Arxeriz, situado no Saviñao. Ademais realizouse unha visita ao Mosteiro de Santa María de Ferreira de Pantón ou a Castro Caldelas, entre outras acción.
 
O calendario desta actividade promocional rematará do 26 ao 28 de abril na de Monterrei, despois de ter pasado xa polas denominacións de orixe de Valdeorras, nas Rías Baixas e Ribeiro. Todos os participantes son diferentes bloggers e instagramers en cada Denominación de Orixe e suman máis de 1M de seguidores en redes sociais.
 
Enoturismo
 
Turismo de Galicia continúa así coa promoción da nova edición da Primavera de portas abertas que leva a cabo en colaboración coas cinco entidades impulsoras das rutas dos viños, unha proposta que está consolidándose na oferta turística do primeiro semestre do ano. Está previsto un completo programa de actividades de enoturismo de maneira conxunta e simultánea nos cinco grandes territorios vitivinícolas galegos. As xornadas de portas abertas celebraranse cinco fins de semana entre maio e xuño, con visitas guiadas e gratuítas ás adegas participantes nesta acción. 
 
En cada ruta poderase atopar, ademais, un plan especial de actividades para a fin de semana: autobuses do viño, catas comentadas, visitas a museos, rutas monumentais, paseos en barca, descontos en aloxamentos e outras accións relacionadas co viño.
 
Arriba