05 abr 2024

A Xunta lanza un plan de acción para reforzar a calidade e sostibilidade nas empresas turísticas e nos destinos galegos cun investimento de máis de 570.000€

O director da Axencia Turismo de Galicia visitando o Albergue de Triacastela, nunha imaxe de arquivo

O Consello da Xunta informou das distintas actuacións que Turismo de Galicia levará a cabo este ano para reforzar a calidade do destino galego a través dun plan de acción dotado con máis de medio millón de euros que se dirixirá tanto ao sector privado como público. A intención é consolidar a posición de liderazgo da Comunidade galega en materia de certificación de calidade e sostibilidade turística, e, de xeito especial, intensificalo nas contornas do Camiño de Santiago. O obxectivo global será acadar este ano 140 novas marcas Q de Calidade e S de Sostibilidade turística tanto en empresas como en servizos públicos. 

Para impulsar a calidade turística nos servizos públicos, Turismo de Galicia, en colaboración co Instituto para a Calidade Turística Española e a Sostibilidade (ICTES), levará a cabo este ano un novo proxecto de implementación e certificación da S de Sostibilidade Turística e Q de Calidade Turística en distintos recursos de xestión pública vinculados co Camiño de Santiago. Deste xeito, promoveranse as certificacións en espazos singulares, oficinas de información turística, museos, instalacións náutico deportivas, praias, transporte turístico, espazos naturais protexidos ou albergues situados nalgún dos itinerarios do Camiño de Santiago. 

Como novidade, poderán incorporarse á certificación S de Sostibilidade turística tamén os albergues de Rede Pública de Albergues do Camiño de Santiago. O obxectivo neste caso é acadar 20 novas marcas Q de Calidade e 80 novas marcas S de Sostibilidade ao remate de 2024 nestes entornos xacobeos. Na planificación das actuacións para este novo proxecto está previsto que este mes de abril se desenvolvan cinco xornadas informativas (Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra), dirixidas aos responsables dos concellos polos que pasa o Camiño de Santiago para informarlles desta nova iniciativa.  

O Plan de Acción de 2024 inclúe tamén que a Xunta de Galicia dea continuidade ao seu traballo para promover que un maior número de destinos se adhiran ao Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destinos (SICTED). A día de hoxe en Galicia cóntase con 18 destinos SICTED certificados e distribuídos en 194 concellos de Galicia, o que se traduce en 1.344 servizos turísticos. Turismo de Galicia seguirá apoiando economicamente os Destinos SICTED, a través dos xeodestinos así como dos diferentes Plans de Sostibilidade Turística en Destino que se están desenvolvendo no marco dos fondos europeos Next Generation. 

Máis empresas certificadas

No eido da calidade turística no sector privado, o Plan de Acción inclúe o impulso do Goberno autonómico para que as certificacións de calidade cheguen tamén a cada vez máis empresas turísticas. Neste sentido, Turismo de Galicia, en colaboración co Cluster de Turismo de Galicia continuará prestando apoio e asesoramento ás empresas para que estean en condicións de superar a auditoría externa para a consecución da Q de Calidade Turística e a S de Sostibilidade.

 

O obxectivo deste ano é manter as entidades empresariais certificadas coa Q de Calidade e a S de Sostibilidade en 2023 e acadar un mínimo de 20 novos certificados Q e outros 20 novos certificados S. 

Como complemento a estas accións, Turismo de Galicia incrementará este ano un 23% a contía das axudas anuais, en réxime de concorrencia competitiva, para apoiar a establecementos e servizos turísticos de xestión pública ou privada nos procesos de certificación, seguimento e renovación da marca Q de Calidade ou a S de Sostibilidade. 

En total, o Plan de acción de Calidade e Sostibilidade Turística da Xunta para 2024 conta cun investimento de 570.600€, dos cales, 409.900€ son para o sector privado e 160.700€ para o sector público. 

 

Galicia, líder en certificacións turísticas

Con este novo Plan de Acción, o Goberno autonómico avanza no seu traballo pola busca da excelencia do destino con cada vez máis establecementos e servizos turísticos certificados pola súa calidade e aposta pola sostibilidade. A día de hoxe, Galicia é a segunda Comunidade Autónoma con maior número de Q de Calidade Turística, só por detrás de Andalucía. Pechou o ano 2023 con 315 entidades adheridas (255 de xestión privada e 58 de xestión pública)

 

No que se refire á S de Sostibilidade Turística, Galicia ten certificados actualmente 39 entidades (35 de xestión pública e 4 de xestión privada) con esta distinción -que comezou a entregarse o ano pasado- e ocupa o cuarto posto en número de entidades con esta distinción. 

 

Arriba