10 abr 2024

A Xunta impulsa máis de 60 proxectos de embelecemento turístico en 41 concellos do litoral galego por 2,7M€

Costa galega

 A Xunta de Galicia vén de resolver a segunda convocatoria da liña de axudas destinada a concellos galegos para levar a cabo accións de embelecemento do litoral e potenciar así o seu uso turístico, cun investimento global de 2,7M€. Foron beneficiarios un total de 64 proxectos en 41 concellos do litoral galego que comprenden iniciativas como melloras paisaxísticas en paseos marítimos, creación de contidos e recursos turísticos dixitais, recuperación de sendeiros entre puntos turísticos ou sinalización, entre outras. 

 

Como se indica na resolución, que será publicada proximamente no Diario Oficial de Galicia e da que xa foron notificados os beneficiarios, inclúense 25 concellos da provincia de A Coruña, onde se levarán a cabo preto de 40 proxectos de embelecemento. Na provincia de Lugo benefícianse 8 concellos, onde se realizarán 14 proxectos e na de Pontevedra desenvolveranse 11 proxectos en 8 concellos beneficiarios. 

 

Esta liña de axudas é unha das actuacións incluidas no Plan Territorial de Sostibilidade Turística do Litoral posto en marcha polo Goberno galego con fondos Next Generation. Os destinatarios eran os concellos situados no litoral galego. Concedéronse en réxime de concorrencia non competitiva e, entre outras, subvencionáronse accións que afondasen na transición verde e ecolóxica para a rehabilitación do patrimonio en espazos singulares do litoral, tamén accións de transición dixital e accesible e inclusiva.

 

O Plan Territorial de Sostibilidade Turística do Litoral ten un plan de execución ata este ano 2024. Cun investimento global de 29,3M€ enmárcase no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia para aproveitar o financiamento europeo no camino á transformación dixital e o incremento da competitividade dos destinos. Inclúe a posta en marcha de medidas transversais destinadas ao litoral galego como dúas convocatorias anteriores para concellos e establecementos para rehabilitación de recursos emblemáticos do litoral galego, xa resoltas, e ademais, entidades locais están executando distintos Plans de Sostibilidade Turística en Destino.

 
Arriba