23 abr 2024

A Semana Santa consolida a crecente mellora da rendibilidade hoteleira, que medrou un 15% en marzo

Cañón do Sil

O Instituto Nacional de Estatística (INE), publicou os datos referidos aos establecementos hoteleiros no mes de marzo, nos que a Semana Santa contribuiu a que o sector hoteleiro galego consolidase a crecente mellora da súa rendibilidade. En concreto, segundo o INE, a rendibilidade hoteleira medrou en marzo un 15%.

 
Con estas cifras estímase que o sector hoteleiro obtivo uns ingresos totais de 21,9 millóns de euros ese mes, cifra que supera nun 23% o dato de marzo do ano pasado, que non coincidiu coa Semana Santa, que fora en abril. Tamén medrou con respecto ao valor previo á pandemia, cando se facturaron preto de 16 millóns de euros.
 
En canto ao número de viaxeiros, o segmento hoteleiro presentou un comportamento positivo en Galicia en marzo. Rexistrou preto de 305.000 viaxeiros que se aloxaron en hoteis e pensións e que fixeron algo máis de 562.000 noites. Con estas cifras, Galicia rexistra tres anos consecutivos de crecemento da demanda neste terceiro mes do ano. 
 
A comunidade galega colócase nunha posición relativamente alta no ranking de crecemento, cun dos máis importantes de todas as comunidades autónomas. De feito, cun incremento do 22% en demanda hoteleira, mellora en tres puntos a media do conxunto de España. En termos de volume, sitúase en marzo na oitava posición, por detrás de Canarias, Andalucía, Cataluña, Comunidade Valenciana, Madrid, Baleares e Castela e León. É tamén o primeiro destino do norte peninsular. 
 
O 78% das noites hoteleiras corresponden ao turismo de ámbito nacional, polo que practicamente unha de cada dúas noites nos hoteis e pensións de Galicia corresponderon aos españois que veñen de fóra da comunidade. O mercado interno, dos residentes en Galicia, absorbe o 30% mentres que o 22% restante corresponde ao turismo internacional. 
 
Arriba