24 xuñ 2024
A Xunta reforza o servizo de atención aos peregrinos que chegan a Santiago con máis de 300.000€
O Consello da Xunta autorizou o convenio de colaboración entre a Axencia Turismo de Galicia e a S.A.M.I Catedral de Santiago de Compostela para reforzar os servizos de atención e información aos peregrinos que chegan a Santiago de Compostela.
Cun investimento de de 300.091 euros, o convenio axuda a sufragar os gastos dos servizos xerais de limpeza, mantemento ou subministracións do Centro Internacional de Acollida ao Peregrino -situado en Carretas- e tamén para o persoal que traballa nestas dependencias.
Este convenio dá continuidade ao apoio realizado pola Xunta de Galicia para o funcionamento da Oficina do Peregrino desde 2014 de xeito ininterrompido cun investimento globlal de máis de 2,4M€ neste tempo. Enmárcase no traballo do Goberno autonómico recollido no Plan Director dos Camiños de Santiago 2027 para reforzar a atención ao peregrino e dá resposta á positiva evolución da peregrinación que este ano está a medrar a un ritmo do 17% en canto aos que recollen a Compostela, que xa superan os 180.000 peregrinos.
Súmase, ademais, ao asinado recentemente tamén coa S.A.M.I Catedral de Santiago por máis de 1M€ para sufragar os gastos de persoal (vixiantes e servizos auxiliares) que realizará o conxunto catedralicio este ano para controlar e ordenar os accesos e fluxos de visitantes á Catedral de Santiago e á Oficina do Peregrino.
O antigo asilo da rúa de Carretas que hoxe acolle a Oficina de Acollida ao Peregrino de Santiago foi rehabilitado mediante un convenio de colaboración entre o Arcebispado de Santiago e a Xunta de Galicia. Desde entón recibe a diario os peregrinos que chegan á cidade a pé, bicicleta ou a cabalo. Dependente da Catedral de Santiago, aquí se pon o selo final nas credenciais do peregrino e se expide o certificado tradicional da peregrinación, a coñecida como Compostela.