10 mai 2024

O itinerario turístico da Xunta ao redor da flor da camelia incorpora seis novos espazos que axudarán a diversificar a oferta fóra de temporada

Reunión do Comité da Camelia

A Ruta da Camelia, o itinerario turístico deseñado pola Xunta de Galicia ao redor deste recurso natural, vén de incrementar o seu número de espazos con seis novas incorporacións que fortalecerán este produto turístico e permitirán afondar na diversificación da oferta fóra de temporada alta.  Así o acordou hoxe o Comité da Camelia de Galicia -o órgano creado polo Goberno autonómico e formado por distintas entidades que avalían as posibles incorporacións ao itinerario- ao que asistiu o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles.

 
Ao abeiro deste acordo, incorpóranse á Ruta da Camelia o Pazo de Faramello, na Coruña, e a Estación Fitopatolóxica Areeiro, en Pontevedra. Tamén entran catro espazos máis, neste caso na categoría de recursos turístico asociado. Trátase do Pazo de Fefiñáns, en Cambados; o Pazo de Casalnovo, en Pontevedra; a Fundación Camilo José Cela, en Padrón e o Hotel Spa A Quinta da Auga, en Santiago de Compostela. 
 
Como indicou Xosé Merelles trátase dun produto turístico que está a posicionarse como estratéxico especialmente fóra de temporada alta, coincidindo coa etapa de floración (de decembro a abril). Neste sentido, recordou que se aliña cun dos obxectivos da Xunta de Galicia para incrementar a oferta turística fóra de temporada e contribuír a que a chegada de turistas se reparta durante todo o ano. “E estamos conseguindo pouco a pouco ese reparto temporal como así o demostran os últimos datos do trimestre que constatan un cremento da demanda turística do 12%”, expresou. 
 
Preto de 20 espazos
 
Tamén se acordou organizar o ano próximo distintas xornadas de portas abertas en coleccións privadas de pequenos xardíns de Camelias de Galicia. Os acordos acadados hoxe no Comité da Camelia de Galicia contou co respaldo dos seus membros, entre os que se atopaban representantes das consellerías de Medio Ambiente e Cambio Climático e de Cultura, Lingua e Xuventude; a Deputación de Pontevedra, a Asociación Española da Camelia, o Clúster Turismo de Galicia, así como persoas expertas en xardíns e pazos, representantes do sector da arquitectura, asociacións de empresarios produtores de Camelia, entre outras. 
 
A partir de agora a Ruta pasa de ter 13 lugares singulares no seu percorrido a 19. En concreto, en Pontevedra -ademais da Estación Fitopatolóxica Areeiro, o Pazo de Fefiñáns e o de Casalnovo, que veñen de incorporarse- xa forman parte desta Ruta o Pazo-Museo Quiñones de León, Parque do Castro (Vigo), Castelo de Soutomaior, Pazo da Saleta, Pazo de Quinteiro da Cruz, Pazo de Rubiáns, o Pazo de Oca, o Pazo de Lourizán e o de Pegulláns. Na provincia da Coruña forman parte a Casa-Museo de Rosalía de Castro, Pazo de Mariñán, a Alameda de Santiago de Compostela, Pazo Santa Cruz de Ribadulla, aos que se suman agora o Pazo de Faramello, a Fundación Camilo José Cela e o Hotel A Quinta da Auga. 
 
Galicia posiciónase deste xeito como referente internacional no cultivo e produción desta planta, chegando na actualidade a atesourar case 2.500 cultivares diferentes de camelia. Galicia é, ademais, o único destino en Europa con tanta variedade de camelias e con tanta tradición en coleccionismo, onde viven algunhas das cameiias máis antigas de España e máis lonxevas de Europa.
 
Arriba