O Consello da Xunta autorizou a sinatura dun convenio de colaboración entre Turismo de Galicia e a Autoridade Portuaria de Vilagarcía de Arousa e a súa Ría para a rehabilitación integral da Estación Marítima no peirao de pasaxeiros de cara a crear un centro de recepción de peregrinos náuticos da Ruta Traslatio. A Xunta de Galicia financiará esta actuación achegando 822.156,46 euro no marco do Plan Xacobeo Next Generation con fondos europeos.
En concreto, esta actuación inclúese no proxecto de revalorización da Ruta Traslatio, que, neste caso, suporá a demolición de dúas edificacións destinadas a escola de piragüismo e locais de oficina, respectivamente, e da rehabilitación integral da estación marítima do peirao de pasaxeiros do Porto de Vilagarcía de Arousa. Inclúese tamén a urbanización das zonas onde actualmente se sitúan as edificacións a demoler e unha zona aberta lindeira á estación marítima.
No marco deste acordo, Turismo de Galicia comprométese a elaborar o proxecto, contratar a súa execución e a dirixir as obras e encargarse da súa xestión ata completar a súa finalización. A Xunta de Galicia financiará o custo desta actuación que ascende a 822.156,46 euros, de maneira que en 2024 achegará 305.023,86 euros e en 2025, 517.132,60 euros.
A Autoridade Portuaria de Vilagarcía de Arousa e a súa ría, pola súa banda, porá a disposición, libres de cargas e gravames, de todos os terreos necesarios para a normal execución das obras descritas na cláusula primeira; a facilitar a documentación, informes técnicos, proxectos de obra, ou aquela coa que conten para poder definir as obras e unha vez finalizadas as obras, ao seu mantemento e conservación.
A acción enmárcase no Plan Xacobeo Next Generation que inclúe distintas actuacións, entre as que se atopan o proxecto de integración de valorización da Ruta Traslatio con distintas actuacións en clubs náuticos da ruta fluvial.