27 mai 2024

A Xunta ofrecerá este ano máis de 16.000 bonos turísticos, que se poderán descargar desde finais de xuño para gozar de viaxes en Galicia este outono

#DescubreGaliciaenOutono

O Consello da Xunta  autorizou o procedemento de concorrencia para a selección dunha entidade colaboradora da nova edición do Bono Turístico e informou deste ano da iniciativa coa que, baixo o lema #DescubreGaliciaenOutono o Goberno autonómico apoia ao sector e promove con éxito as viaxes dos galegos en Galicia fóra de temporada alta e que este ano facilita o seu uso e o seu impacto entre o sector turístico galego.

 
Así, o Goberno autonómico investirá este ano 1M€ coa previsión de movilizar no sector 2,5M€ durante o outono. Poranse en circulación máis de 16.000 bonos en formato código QR cun importe de 150€, cofinanciados nun 40% pola Xunta de Galicia en nun 60% polas persoas que o soliciten (os particulares abonarán, polo tanto, 90€ para contar cun bono por valor de 150€). Como novidade, cada usuario poderá descargar este ano ata dous bonos, polo que poderá contar cun investimento de ata 300€ para gozar dunha estadía o vindeiro outono nalgún dos establecementos que se adhiran. 
 
Poderán participar establecementos turísticos de aloxamento situados en Galicia e axencias de viaxes, neste caso que teñan un centro de traballo na Comunidade autónoma de Galicia e que desenvolvan as súas actividades dentro do sector turístico vinculado a Galicia. Deberán estar dados de alta no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) no momento da publicación da convocatoria. 
 
Está previsto que os establecementos se poidan empezar a adherir en xuño, mes no que tamén os usuarios poderán facer as descargas a través da páxina web www.bonoturismo.gal, tras a publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG). Está dirixido a persoas maiores de idade residentes en Galicia. Unha vez descargado o bono, o prazo para gozar das estadías arrancará o 10 de setembro e estenderase ata o 25 de decembro.
 
Fóra de temporada
A iniciativa -que naceu no contexto da pandemia para dinamizar o consumo turístico e inxectar liquidez ás empresas do tecido turístico galego- está consolidándose como una proposta que impulsa a actividade fóra de temporada alta e contribúe a apoiar o sector.  
 
Nestes catro anos puxéronse en circulación máis de 47.000 bonos turísticos e mobilizáronse máis de 14M€: deles, durante a pandemia foron máis de 10M€ (5M€ co bono turístico sociosanitario e 5,8M€ no ano 2021), aos que se suman os 3M€ nos últimos dous anos. 
 
Arriba