29 xul 2024
A Xunta colabora na mellora da accesibilidade peonil do paseo de Silgar en Sanxenxo
O Consello da Xunta autorizou hoxe o convenio de colaboración entre a Axencia de Turismo de Galicia e o Concello de Sanxenxo para o proxecto de mellora da accesibilidade peonil no paseo de Silgar. As actuacións teñen un importe total de preto de 630.000 euros, dos que o Goberno autonómico achegará 250.000€, o que supón que sufragará preto do 40% do orzamento.
Ao abeiro deste convenio realízanse unhas obras para a mellora da accesibilidade e seguridade peonil nun tramo de actuación que abarca o Paseo de Silgar, parte da Rúa de Madrid e a Avenida do Porto, coas que se pretende dar prioridade ao peón.
En concreto, o proxecto inclúe elevar a cota do vial e converter o espazo nunha plataforma única con prioridade peonil, onde interaccionen os vehículos e os viandantes nunhas maiores condicións de seguridade, diminuíndo tamén a velocidade vehicular e implementando un cambio na textura da calzada actual. A supresión do desnivel dará continuidade ao itinerario peonil, xerando un percorrido accesible para tódolos peóns, cadeiras de rodas e carros de bebés, eliminando as barreiras existentes ou mal resoltas de encontros con vaos ou interseccións a diferentes cotas de nivel.
A intervención suma unha área de actuación de 4.500 metros cadrados que recolle dende a Rúa Ourense, Rúa de Madrid ata a Rúa Cesteiros, e a Avenida do Porto. Ao mesmo tempo proxéctase unha zona de esparexemento no encontro entre a Rúa Luis Vidal Rocha en o Paseo de Silgar, cunha pérgola que aporte zonas de sombra e coa colocación de mobiliario urbano para fomentar a estancia das persoas nesta área en condicións de seguridade.
Maior sostibilidade
Ao colocar toda a rúa a un mesmo nivel é preciso mellorar as instalación de saneamento de pluviais, achegando un maior número de embornais para a mellor recollida da auga das chuvias e asegurando que non se formen bolsas de auga que dificulten o paso aos transeúntes. Na Rúa Madrid mellórase a iluminación da rúa centrando todas as luminarias na marxe sur do vial e substituíndo os farois existentes. A actuación tamén inclúe reforzar a sostibilidade co cambio de 65 luminarias no Paseo de Silgar que mellorará a eficiencia enerxética e reducirá a contaminación luminosa no entorno.
A Xunta de Galicia leva a cabo esta colaboración no marco do seu compromiso por garantir unha actividade turística accesible e segura. Con esta actuación favorécese o uso e goce do entorno por parte de veciños e visitantes tendo en conta que a vila de Sanxenxo foi declarada en 2020 como o primeiro territorio de preferente actuación turística de Galicia, figura tipificada na Lei do Turismo de Galicia e que identifica a aqueles territorios que deben cumprir uns esixentes e específicos criterios e que, polas súas especiais características, demanda tamén unha actuación singular das administración públicas.
Grazas a recursos como as súas praias, portos deportivos, talasos e spas, campos de golf ou mesmo a súa pegada xacobea coa Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla, Sanxenxo leva sendo desde fai anos un importante destino turístico galego. Neste contexto, o Paseo de Silgar discorre ao longo da praia, formando parte dun vial de carácter urbano dun só sentido vehicular e cunhas beirarrúas elevadas, nas que aparecen vaos e diferentes interseccións que dificultan a accesibilidade, sobre todo nas zonas máis estreitas, que se pretenden solucionar coas actuacións do citado convenio.