O Consello da Xunta informou da batería de medidas que a Xunta de Galicia porá en marcha o vindeiro curso académico para facilitar e flexibilizar o acceso aos estudos universitarios en Xestión de Empresas Hostaleiras impartidos no Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG), centro adscrito á Universidade de Santiago de Compostela e dependente orgánicamente da Xunta de Galicia. En concreto, no curso 24/25 a matrícula reducirá o seu prezo un 50%, duplicarase o número de bolsas de estudos que podrán sufragar ata o 80% da matrícula e incrementarase a oferta formativa cun título propio sobre gastronomía.
No que se refire á matrícula, o prezo para estudar o Grao de Xestión de Empresas Hostaleiras costará de xeito xeral 4.000€ -fronte aos preto de 8.000 euros que se pagaban ata o momento- e a matrícula levará incluidos novos servizos como almorzo e comida para todo o alumnado, ademais de materiais teórico-prácticos ou o necesario durante as xornadas de prácticas, entre outras. Ese prezo poderá reducirse en ata o 80% (polo que a matrícula reduciríase nese caso a 800€) no caso de obter unha das máis de medio cento de bolsas de estudo que se porán a disposición do alumnado o vindeiro curso.
Flexibilización do pagamento
Deste xeito, a Xunta duplicará o número de bolsas de estudo ata sumar un total de 52 que, dependendo da tipoloxía, suporán un desconto de entre un 50 e un 80% do prezo da matrícula e, en todos os casos, un desconto do 100% no prezo do aloxamento na residencia do CSHG con pensión completa. No apartado das bolsas, creánse dous novos tipos: as de excelencia académica, destinada ao alumnado que se matricule cunha nota de 8 ou superior no acceso á Universidade, e as bolsas para galegos/as residentes no exterior, onde os requisitos son principalmente a vinculación con Galicia. En ambos casos suponen un descontó do 80% da matrícula.
Como todos os anos, o Centro permitirá tamén flexibilizar o pagamento en varias achegas. E tamén haberá exencións para familias numerosas de carácter xeral (50% da matrícula) e de carácter especial (100%). Non pagarán a matrícula aqueles candidatos con discapacidade superior ao 33%, vítimas de actos terroristas e vítimas de violencia de xénero.
Xunto a estas medidas, e para dar resposta á crecente demanda do sector da restauración en Galicia, o CSHG ofertará o Curso Superior de Chef e Pastelería, un título propio que empezará este curso 2024-25 e terá 24 prazas. Será un curso intensivo dun ano, con tres meses de prácticas en restaurantes de Galicia. Este curso capacitará a futuros cociñeiros para manipular, preparar, conservar e presentar alimentos de cociña e pastelería tradicional, moderna e vangardista.
Formación de excelencia
O Centro Superior de Hostalería de Galicia leva máis de 30 anos formando xestores e directivos de empresas turísticas, dependente da Xunta de Galicia, e comezou nos seus inicios ofertando unha formación propia en Dirección Hoteleira e Gastronomía. Desde o ano 2021 está adscrito á Universidade de Santiago de Compostela e imparte o Grao universitario en Xestión de Empresas Hostaleiras coas especialidades de gastronomía e de dirección hostaleira.