04 xuñ 2024

A Axencia Turismo de Galicia lembra que está a traballar na configuración dun territorio intelixente, que facilitará a xestión dos servizos públicos e dos sectores produtivos

Xornada de Horizontes Dixitais

 A xornada Horizontes Dixitais: Innovación en Turismo, Cultura e Deporte reuniu en Santiago a profesionais e expertos dos tres sectores para abordar os retos e desafíos da transformación dixital. O encontro foi inaugurado polo director de Área de Sociedade Dixital da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Miguel Rodríguez; o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; e o director-xerente da Fundación Deporte Galego, Iván Clavel.

 
O director de Área de Sociedade Dixital lembrou que unha das iniciativas da Estratexia Galicia Dixital 2030 é a configuración dun territorio intelixente, que facilitará a toma de decisión e a xestión, tanto dos servizos públicos como doutros ámbitos como o cultural e o turístico. Miguel Rodríguez sinalou que a pedra angular desta iniciativa, a Rede ICousas, xa está en funcionamento e que ten capacidade para instalar ata 300.000 sensores no territorio, o que permitirá captar grandes cantidades de datos.
 
O director de Turismo destacou a recente licitación do Observatorio de Sostibilidade, baseado na análise de datos, e lembrou que o turismo é un dos sectores que máis participa no desenvolvemento tecnolóxico. Tamén salientou a importancia que a dixitalización terá na futura Estratexia de Turismo de Galicia 2024-2030 na que a Xunta está traballando.
 
Pola súa banda, o director-xerente da Fundación Deporte Galego puxo en valor o uso de aplicacións para a xestión ordinaria das relacións do ámbito deportivo coa administración e anunciou a creación dunha plataforma para acoller o censo de instalacións deportivas con utilidades como a xeolocalización.
 
Tras a inauguración, o CEO de Neuromobile, Raúl Serapio, recoñecido como un dos 100 directivos máis creativos pola revista Forbes en 2022, foi encargado da conferencia inicial. O resto da xornada, que se prolongará ata as 14.00, estrutúrase en tres mesas redondas, unha por sector, e completarase cunha demostración de olería orixinal.
 
Arriba