10 xuñ 2024

A Xunta destinará 10M€ para modernizar e reforzar a eficiencia enerxética das empresas turísticas galegas

Melloras de eficiencia enerxética

O Consello da Xunta informou da nova liña de subvencións que porá en marcha Turismo de Galicia para reforzar as medidas de eficiencia enerxética nas empresas turísticas galegas cun investimento de 10M€. Financiada con fondos europeos, a convocatoria busca a modernización e mellora da competitividade do sector turístico galego e dá continuidade á liña de axudas lanzada o ano pasado por 7M€, aínda que flexibiliza e mellora as condicións para poder facilitar a entrada de máis empresas.

 
Deste xeito, inclúe, entre as novidades, que os establecementos de restauración poidan ser posibles beneficiarios, sufrágase a rehabilitación enerxética de todo o edificio ou dunha parte (na anterior eran edificios completos), non se pide antigüidade mínima dos edificios a rehabilitar e non hai unha esixencia mínima de aforro enerxético. Tamén se inclúe a enerxía fotovoltaica -unha das peticións do sector- así como a compra de electrodomésticos eficientes, entre as accións subvencionables.
 
Será unha convocatoria de concorrencia non competitiva. Poderán beneficiarse os establecementos de aloxamento, así como empresas de restauración, entre as que se inclúen restaurantes, cafeterías e bares. Como norma xeral, a intensidade da axuda será de ata un 70% do custo total subvencionable do proxecto, aínda que poderá chegar ao 80% ou 90% no caso de que se acrediten aforros de enerxía primaria non renovable dun 20% ou 30%.
 
Esta liña de axudas sufragará, entre outras accións, a mellora da eficiencia enerxética da envolvente térmica coa intención de reducir a demanda en calefacción e climatización de edificios completos, locais ou partes do edificio destinado ao establecemento turístico. Tamén a mellora da eficiencia enerxética e de enerxías renovables nas instalacións térmicas, con accións como a substitución de enerxía convencional por enerxía solar térmica, enerxía xeotérmica ou biomasa nas instalacións térmicas, entre outras.
 
Tamén se inclúe a subvención para instalacións fotovoltaicas para autoconsumo, así como mellora da eficiencia enerxética das instalacións de iluminación, coa instalación de luminarias de maior rendemento e lámpadas de maior eficiencia, sistemas de control por presenza, recolocación dos puntos de luz, entre outras. A subvención tamén cubrirá a renovación de electrodomésticos con clases enerxéticas máis eficientes. Tamén poderán sufragarse sistemas de automatización e control da enerxía. Os gastos subvencionables deberán estar realizados antes de abril de 2025.
 
Arriba