Rueda destaca o labor da Bienal de Cartelismo Terras Gauda no fomento da promoción da cultura e a Marca Galicia a nivel global
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou o labor da Bienal Internacional de Cartelismo Terras Gauda-Concurso Francisco Mantecón na promoción da cultura e do talento artístico a nivel global, converténdose nun “certame de referencia” para artistas dos cinco continentes e levar a “Marca Galicia” por todo o mundo.
Así o destacou na entrega de premios da 16ª edición desta iniciativa, a cal recibiu preto de 1.300 carteis de artistas procedentes de 70 países diferentes. Neste sentido, Rueda valorou a calidade dos traballados presentados, como o labor da organización e o xurado dos galardóns, ao mesmo tempo que recoñeceu o seu valor como escaparate para impulsar a carreira dos novos creativos e ser referencia para aqueles xa consagrados a través da cartelería.
Durante a súa intervención, incidiu en que iniciativas coma esta contribúen a amosar a imaxe dunha “Galicia aberta, multicultural e cosmopolita” ao exterior e esperta o interese por Galicia, a súa riqueza cultural, gastronómica e histórica. A este respecto, salientou o éxito como destino turístico de calidade e responsable que está a obter a comunidade e puxo como exemplo que, no que vai de ano, xa recolleron a súa compostela case 186.000 peregrinos, un 17% máis que no mesmo período do ano pasado.
Alfonso Rueda aproveitou a ocasión para incidir na importancia do sector vitivinícola en Galicia a nivel económico, social e cultural, ao mesmo tempo que destacou ao enoturismo como un “aliado perfecto” para diversificar e desestacionalizar a oferta turística.
Por último, o presidente felicitou a todos os finalistas e gañadores desta edición, os cales teñen agora unha nova oportunidade no concurso que organiza Turismo de Galicia e Terras Gauda, no marco da Bienal, para elixir o deseño da imaxe publicitaria que protagonizará a campaña Primavera de Portas Abertas nas rutas dos Viños de Galicia, nas súas dúas próximas edicións de 2025 e 2026.