07 out 2024

Xosé merelles refírese á capacidade das festividades galegas para reforzar a singularidade do destino

 O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou na presentación do XI Acto de Conmemoración da Batalla de Rande, que se celebrará os días 12, 19 e 20 de outubro co apoio da Xunta de Galicia. Como expresou, trátase dunhas conmemoracións que permiten “dinamizar a oferta turística do outono e reforzar a singularidade do noso destino, na liña dos nosos obxectivos estratéxicos”.

 
Como dixo, as conmemoracións referentes á Batalla de Rande son un “perfecto exemplo de como os veciños e as asociacións son quen de poñer en valor os recursos históricos con festividades que permitan atraer persoas ao destino e contribuír tamén a dinamizar economicamente os concellos galegos da man do turismo”. 
 
Recordou, ademais, que no horizonte 2030, a Xunta de Galicia continuará apoiando as diferentes festividades e celebracións coa intención de que se convertan tamén en recursos turísticos que axuden a afondar na autenticidade do destino, unha das oito misións da Estratexia de Turismo de Galicia que vén de aprobarse como folla de ruta de traballo no eido turístico para os vindeiros anos.
 
A conmemoración da Batalla de Rande inclúe dúas fins de semana de actividades que comezará o 12 de outubro cun desfile histórico no centro urbano de Redondela, haberá tamén obradoiros temáticos e unha representación da batalla naval. A actividade principal será os días 19 e 20 de outubro nas inmediacións do Centro de Interpretación de Meirande, coa recepción das embarcacións tradicionais, desfile inaugural e representacións teatrais. A festividade conta co distintivo de Calidade Turística outorgado polo Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE).
 
Arriba