A Xunta salienta o pontencial da internacionalización do Camiño de Santiago para proxectar a imaxe dunha Galicia hospitalaria no mundo
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou no XXIV Encontro Internacional de Hospitaleiras e Hospitaleiros do Camiño Portugués a Santiago. Merelles encargouse de impartir a conferencia ‘Influencia do Camiño de Santiago na proxección da imaxe de Galicia’ no evento, que se está a celebrar en Pontevedra.
A exposición centrouse no papel do Camiño de Santiago como catalizador da proxección nacional e internacional de Galicia como destino. “Nos últimos anos está a ser quen de transformar a percepción mundial da Comunidade galega”, expuxo o director de Turismo de Galicia. Merelles aludiu á dinamización das rutas xacobeas, comparando a proxección en distintos anos. En 2010 recolleron a Compostela algo máis de 270.000 persoas, fronte ás case 500.000 de 2024.
Todo apunta que esta cifra se vai superar en 2025, posto que o número de Compostelas recollidas está a medrar a un ritmo do 5%. Un 64% das persoas que chegaron a Santiago ata setembro procedían doutros países, co importante impacto na internacionalización do destino que supón. Fronte a isto, destacou o director da Axencia, nos anos 90 o perfil era maioritariamente español e europeo.
Merelles identificou o Camiño de Santiago como “un dos eixos vertebradores de Galicia” e incidiu en como o valor da ruta xacobea se traduce “en moitas realidades”, falando dos “beneficios intanxibles que supoñen os seus valores, a convivencia e experiencia da peregrinación”.
A estes sumou outros “beneficios tanxibles”, nos que citou a “importantísima incidencia social, económica, cultural e demográfica nos pequenos municipios do rural galego polos que atravesa”. Neste sentido, aludiu a estudos da Xunta de Galicia xunto coa Universidade de Santiago que cuantifican nun 2,3% a porcentaxe do gasto turístico en Galicia que se debe ás persoas que percorren o Camiño. Cada unha, ademais, ten o mesmo impacto económico que preto de 3 turistas nacionais, pola súa diferencia en estadía e gasto medio.
Ademais do impacto económico directo, Merelles referiuse á relevancia das rutas xacobeas en aspectos como a fixación da poboación, a xeración de emprego, a redistribución da riqueza, a diversificación da economía local ou á mellora das expectativas da veciñanza. Tamén na desestacionalización do destin, posto que se está a observar un incremento de camiñantes en meses fóra da tempada alta. En canto á redistribución territorial da oferta, o director da Axencia destacou como, pese a manterse o Camiño Francés como o máis transitado, se está a experimentar un incremento de visitantes que elixen outros itinerarios, poñendo como exemplo o Camiño Portugués.
Ano Santo 2027
De cara ao próximo Xacobeo 2027, desde a Xunta de Galicia púxose en marcha o Plan Director dos Camiños de Santiago por 140 M€, que busca favorecer a sostibilidade ambiental, social e económica do Camiño, á vez que contribuír á súa promoción e garantir o seu mantemento e protección. Neste último aspecto, destaca o proxecto de mellora da seguridade viaria, que implica actuar en máis de 150 quilómetros dos nove camiños de Santiago. Ten un orzamento total de 40M€.