A xira de Carlos Núñez percorrerá lugares emblemáticos de Galicia da man de Turismo de Galicia
A xira Lugares Máxicos de Carlos Núñez está percorrendo este verán distintos lugares emblemáticos de Galicia co apoio da Xunta de Galicia para poñer en valor o patrimonio musical e arquitectónico galego ao tempo que está a encher a oferta turística do verán con propostas para todos os públicos.
No seu obxectivo de apoiar as propostas que enriquezan e dean calidade á oferta turística galega, Turismo de Galicia impulsa varios dos concertos da xira. Mañá, 26 de xullo, celebrarase o do pazo de Baión, en Vilanova de Arousa. Será ás 20,00 horas e as entradas están dispoñibles en Ataquilla.
Esta fin de semana tamén se celebrarán o día 27 de xullo no Castelo de Salvaterra de Miño e o domingo 28 na Fundación Manolo Paz de Cambados. Turismo de Galicia apoia tamén os concertos que celebrará Carlos Núñez no mes de agosto nos xardíns do Palacio de Sober, o día 18 de agosto, o 22 de agosto nos xardíns da Fundación Camilo José Cela e o 30 de agosto na Igrexa de San Martiño de Noia. A eles súmanse os xa celebrados no Parador de Baiona e no Mosteiro de Oseira en Cea.
Novo disco
Lugares Máxicos é unha xira que leva case unha década percorrendo distintos emprazamentos de Galicia e fóra dela. Son concertos nos que participan o músico Carlos Núñez e a súa banda ademais de convidar a novos talentos musicais de cada zona. Este ano presenta o seu novo disco, Celtic Sea, froito da colaboración con Brittany Ferries para celebrar o 50 aniversario da compañía marítima que une os portos atlánticos europeos e na que viaxan 3 millóns de persoas cada ano.
A Xunta de Galicia continúa así impulsando e apoiando iniciativas que sexan quen de encher a oferta turística do verán con propostas que poñan en valor o destino en distintos lugares de Galicia. Ademais, Turismo de Galicia continúa así apostando polos espectáculos e concertos para reforzar a imaxe turística de Galicia a través da música.