O I Torneo de Fútbol "Unindo Camiños" arranca o sábado 24 co apoio da Xunta
A competición desenvolverase no Campo de Fútbol de Santa Isabel e incluirá tamén unha final feminina
Santiago de Compostela (A Coruña), 18 de agosto de 2024
O I Torneo de Fútbol "Unindo Camiños" arranca o vindeiro sábado 24 de agosto en Santiago de Compostela co obxectivo de estender e compartir os valores do Xacobeo no ámbito deportivo, especialmente no fútbol. En total, competirán por este primeiro trofeo dez clubs chegados de distintos puntos da Península Ibérica polos que discorre o Camiño.
A iniciativa, promovida polo Sporting Santiago co apoio de Turismo de Galicia, pretende crear unha irmandade entre as cidades polas que pasan os distintos roteiros xacobeos arredor dos valores que unen tanto a tradición xacobea coma o espírito deportivo.
O torneo desenvolverase no campo de fútbol de Santa Isabel e comezará o sábado 24 con dúas liguiñas (dous grupos de cinco equipos) entre os participantes, que se clasificarán para xogar o domingo 25 a semifinal e final, en horario de mañá e de tarde, respectivamente. Tamén se disputará unha final feminina entre o Dépor Abanca e o Victoria F.C. de Santiago.
Os clubs participantes nesta primeira edición son o S.D. Compostela; o E.D. Val do Miñor de Nigrán; o Sevilla Fútbol Club; o Pontevedra C.F., o Futbol Club de Porto; o Arosa S.C., Real Deportivo de A Coruña e o Real Club Celta de Vigo.
A categoría na que se disputarán os distintos partidos será a Xuvenil División de Honra coa participación de futbolistas de entre 15 e 18 anos, moitos deles xogadores xa na UEFA Youth League e considerados futuras promesas do fútbol nacional e internacional.
A afección e o público interesado poderá gozar de todos estes partidos de maneira gratuíta. Os xogadores e os integrantes dos clubs terán, ademais, a oportunidade de realizar unha visita cultural a Santiago de Compostela para coñecer a súa historia, gastronomía e patrimonio.