O Río Verbena Fest convértese nun dos eventos “imprescindibles” de Pontevedra no verán, co respaldo da Xunta
“Unha vintena de artistas compartirán xuntos escenario nunha cita que gaña adeptos cada ano que pasa e xa se sitúa como un dos eventos imprescindibles do verán nesta fermosa cidade do Lérez”, asegurou o director de Turismo de Galicia durante a súa intervención na presentación do Río Verbena Fest, un certame musical que se desenvolveu o 23 e 24 de agosto co apoio da Xunta de Galicia. Durante a presentación desta cita musical, Xosé Merelles estivo acompañado polo delegado territorial do Goberno galego en Pontevedra, Agustín Reguera, xunto a representantes doutras entidades e empresas colaboradoras do certame. No acto tamén interveu o alcalde da cidade.
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, salientou na presentación que “a aposta do Executivo autonómico por favorecer o turismo de festivais e atraer visitantes motivados por ver en directo aos seus cantantes e grupos favoritos está a converter a nosa comunidade nun referente neste ámbito” cunha oferta de eventos “con personalidade propia”, que contribúe a dinamizar turisticamente o destino Galicia durante todo o ano.
Xosé Merelles referiuse tamén ao carácter transversal da cadea de valor do turismo como xeradora dunha “gran morea de oportunidades para os territorios”. E, “en especial para aqueles que como Galicia saben xestionar un modelo que segue a ter un enorme potencial de crecemento ordenado e planificado”. Neste conxunto de potencialidades situou os atractivos naturais e patrimoniais da comunidade, pero tamén quixo poñer en valor propostas culturais e produtos creados ad hoc para diversificar e diferenciar a oferta turística galega, como é o caso do Río Verbena Fest.
Máis visitantes en Pontevedra
Xunto a isto, o director de Turismo de Galicia referiuse ás cifras de visitantes que están a consolidar Pontevedra como un destino urbano cada vez máis atractivo, con preto de 30.000 viaxeiros aloxados na cidade no mes de xuño. “E no primeiro semestre do ano, Pontevedra recibiu máis de 123.000 visitantes que fixeron 188.000 noites, o que supón un incremento do 19 % e do 16 % respectivamente, en relación co ano anterior”, expresou.
Finalmente, Xosé Merelles lembrou que o Goberno galego está a ultimar a Estratexia Galega de Turismo 2024-2030, “unha folla de ruta que marcará a gobernanza neste eido durante os seis vindeiros anos e que terá especialmente en conta a integración de residentes e visitantes”.
Cartel do Río Verbena Fest
O Río Verbena Fest conta cun cartel que combina grandes nomes ligados fundamentalmente á música independente e urbana. Na súa primeira xornada participarán artistas e grupos como Viva Suecia, Dani Fernández, Siloé, Mikel Erentxun, Vicco, Michenlo, Four Passengers, Son da Taberna e Joan Romero.
O sábado 24, serán Amaral, Lori Meyers, Los Zigarros, Baiuca, Alcalá Norte, Nebulossa, Galician Army, Sarria, Black Stones, Mamasunción e Law os que encherán de música a cidade do Lérez.