A Xunta impulsa na Coruña o Recorda Fest, que dinamizará o turismo urbano na recta final do verán
Na súa estratexia por fortalecer a oferta turística urbana a través da música e dos festivais, a Xunta de Galicia apoia a nova edición do Recorda Fest, unha das grandes últimas citas musicais do verán galego que se celebrará no peirao de Batería do Porto da Coruña os vindeiros 6 e 7 de setembro.
Incluirá, entre outros, as actuacións de DJ Recorda, Morochos, Besmaya, Sidonie, Sidecars, Amaral, Rulo y la Contrabanda e DJ Isaac Corrales. Asimesmo, actuarán Álvaro de Luna, Maldita Nerea, La Oreja de Van Gogh, Fran Perea ou Coti.
Está prevista a asistencia de máis de 20.000 persoas neste festival destinado a un público familiar e que tamén prevé a habilitación dun grande espazo gastronómico no que os asistentes gozarán da oferta culinaria ao tempo que desfrutan dunha mostra representativa do mellor pop nacional.
O apoio da Xunta de Galicia -un dos principais patrocinadores institucionales deste certame- busca seguir consolidando a comunidade autónoma como destino no eido do turismo de festivais, un segmento que medra ano a ano e que terá un lugar destacado na futura Estratexia de Turismo de Galicia 2024-2030 que será presentada nas vindeiras semanas.