Rueda pon en valor o elevado grao de profesionalización e calidade do sector turístico galego
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo en valor o elevado grao de profesionalización e calidade do turismo galego ante máis de 20 directivos de empresas do sector de España e Portugal.
Así o salientou durante o acto de benvida aos participantes no foro anual Art & Cooking, que a empresa Amadeus organiza anualmente para fomentar as relacións entre directivos ao máis alto nivel.
Na súa intervención, o titular do Executivo autonómico destacou que Galicia é a segunda comunidade autónoma con máis distintivos de calidade, que no verán conta con 114 bandeiras azuis, ou que os restaurantes galegos suman 17 Estrelas Michelin e 40 Soles Repsol. Pola súa banda, no ámbito da profesionalización, puxo en valor tamén o papel do Centro Superior de Hostalería de Galicia, todo un referente no ámbito.
Ademais, Rueda agradeceu a escolla de Galicia como sede desta iniciativa e animou a todos os directivos a coñecer de primeira man o conxunto da oferta turística galega e a xerar novas oportunidades de negocio. Ademais das praias, turismo rural, patrimonio ou termalismo, o presidente da Xunta fixo especial fincapé na relevancia do Camiño de Santiago, especialmente de cara a esta Década Xacobea, na que se celebrarán anos santos en 2027 e 2032.
Por último, defendeu tamén que Galicia aposta por un turismo sostible, con marxe para seguir crecendo -tal e como se recolle na Estratexia Turística de cara a 2030, presentada recentemente-, e rexeitou as mensaxes negativas sobre un sector que xera emprego e riqueza na comunidade.