Xosé Merelles salienta que a Feira do Viño Castes se aliña coa estratexia enoturística da Xunta para facer atractivo o destino fóra de temporada
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, puxo en valor iniciativas como Castes, Feira Independente do Viño para seguir facendo atractivo o destino fóra de temporada e que se aliña cos obxectivos da estratexia de enoturismo da Xunta de Galicia que busca situar Galicia como referente a nivel nacional e internacional.
Durante o acto de presentación da cita, Xosé Merelles salientou que a política de divulgación da enogastronomía desenvolvida pola Xunta de Galicia ten un dos seus piares no Plan Territorial de Enogastronomía, que con fondos Next Generation, “nos permite destinar máis de 34M€ á planificación de actuacións dinamizadoras ao tempo que activa o tecido socioeconómico do territorio” e que se aliña coa Estratexia de Turismo de Galicia 2030. Neste sentido, destacou que este plan busca “por en valor os territorios vitivinícolas, mellorar a comercialización e a promoción de novos produtos turísticos vinculados á enogastronomía e potenciar o territorio enogastronómico galego como un espazo de desenvolvemento turístico competitivo”.
Ademais, Xosé Merelles destacou outro tipo de iniciativas propias de Turismo de Galicia como ‘Primavera de Portas Abertas’, cunha serie de accións ao redor de adegas das cinco denominacións de orixe para dalas a coñecer xunto cos seus viños máis identificativos, e ‘Paseando entre viñedos’, que permite descubrir os segredos dos viños galegos facendo un percorrido polos viñedos situados en ladeiras escarpadas ou visitando adegas vangardistas ou as máis señoriais e de tradición familiar.
Proposta turística de novembro
Referíndose a Castes, Feira Independente do Viño, o director de Turismo de Galicia valorou especialmente que se celebre en outono e que inclúa unha serie de propostas repartidas durante todo o mes de novembro coma a Aula Castes, o Castes The Musical, o Castes Late Wine ‘The Show’, o VI Campionato de cata por equipos, a propia Feira Do Viño e o Castes Rules, con 11 visitas a adegas.
Ademais, destacou o alto índice de participación nesta edición, en torno a 100 adegas de Galicia, España, Portugal, Francia e Italia que se darán cita nesta Feira que chega cunha pretensión de superar a media dos mil asistentes rexistrados en anos anteriores.