30 out 2024

Belén do Campo anima aos beneficiarios do ‘Outono Gastro-nómico en Turismo Rural’ a aproveitar os descontos da Xunta ata o 15 de decembro

A delegada da Xunta, Belén do Campo, visitou o establecemento Pazo de Sedor, participante no programa ‘Outono Gastronómico en Turismo Rural 2024’, a proposta da Xunta de Galicia para impulsar o turismo rural fóra de temporada, no que participan 77 casas rurais, das cales 24 están na provincia da Coruña, ofrecendo paquetes gastronómicos especiais, paquetes de estadías e actividades paralelas.

Belén do Campo, lembrou que esta edición que, ademais, traerá actividades especiais de promoción é subliñou que esta campaña impulsada por Turismo de Galicia “conseguiu consolidarse como demostran os case 6M€ que se inxectaron no sector turístico nestes dezasete anos nos que participaron máis de 92.000 persoas”, expresou.

O Outono Gastronómico en Turismo Rural estase a desenvolver desde o 13 de setembro e rematará o   15 de decembro, coa intención de desestacionalizar e impulsar o sector do turismo rural.

Actividades sostibles

En relación a esta edición de 2024 do Outono Gastronómico, a delegada referiuse as posibilidades que ofertan a maiores 31 establecementos de actividade Outono Plus, con propostas que van desde paseos a cabalo, descenso en canoa, sendeirismo, visitas culturais, e outras. Neste caso, o Pazo de Sedor oferta unha cata de viños galegos os sábados e domingos para maiores de 18 anos.

Neste sentido, salientou ademais a variedade de propostas que poden elixir as persoas que queiran gozar desta experiencia desde o menú  Outono gastronómico cun custe de 37,50€/persoa; ou as que inclúen estadías na casa rural e oferta gastronómica como paquete Outono gastronómico por, 105€/persoa en cuarto individual e 165€/dúas persoas nun cuarto dobre; a fin de Semana Outono Gastronómico, 165€/persoa nun cuarto individual, e 260€/ dúas persoas en cuarto dobre; e a fin de Semana Familiar Outono Gastronómico, 310€/dous adultos con 1 neno ou nena nun cuarto dobre con cama supletoria, e 360€/dous adultos con dous nenos ou nenas en dous cuartos dobres.

Embaixadores do Outono Gastronómico

Belén do Campo tamén subliñou que xa foron seleccionados un total de cinco bloggers e instagramers do ámbito internacional e outras cinco do ámbito galego, que suman máis de medio millón de seguidores, dentro da iniciativa  ‘Embaixadores de Galicia’ no marco da nova campaña promocional de Turismo de Galicia para impulsar o Outono Gastronómico. A selección dos 10 embaixadores fíxose a partir das 632 solicitudes recibidas, o que representa en conxunto máis dun millón de seguidores asociados aos perfís dos interesados.

Deste xeito as persoas que actúan como embaixadores de Galicia farán as súas comunicacións en árabe, chino, polaco, brasileiro, catalán, inglés, castelán e galego. O público directo ao que poderán chegar coas súas interacción en redes sociais achégase ao medio millón de seguidores.

Turismo de Galicia busca así implicar na campaña Outono Gastronómico en Turismo Rural a aquelas persoas que actualmente publican contidos neste sentido, divulgando en grande medida o patrimonio natural e patrimonial de Galicia, converténdoos en embaixadores nas redes sociais.

Para incitar á participación, creouse un vídeo dinámico para as redes no que se invitaba a colaborar con Turismo de Galicia, apelando ao seu orgullo por ser galegos ou apaixonados por esta terra, e o seu cariño por amosar Galicia. Os 10 embaixadores terán como compensación ao seu compromiso co turismo desta Comunidade, unha fin de semana do Outono Gastronómico en turismo rural, que inclúe todos os gastos necesarios para levala a cabo, pero non retribucións económicas, se solicitará a divulgación da campaña nas súas propias redes.

Toda esta información e outra relativa ao Outono Gastronómico en Turismo Rural pódese descargar na web www.turismo.gal, onde figuran ademais, todos os establecementos participantes e os menús exclusivos de cada un.

Arriba