15 nov 2024

As emendas que enriquecerán o texto da taxa turística que pide o Concello de Santiago serán debatidas no Parlamento a vindeira semana

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, e o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, mantiveron unha reunión coa alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, na que informaron dos últimos trámites relativos á lei que habilitará ao Concello para ter a taxa turística que demanda.

Como se lle transmitiu á alcaldesa en anteriores encontros, a Lei de medidas fiscais e administrativas dos orzamentos 2025 senta as bases desta norma e prevese a súa aprobación definitiva no prazo dun mes, para que o Concello de Santiago conte cun marco legal que posibilite a posta en marcha da taxa a partir do 1 de xaneiro como se comprometeu o Goberno galego.

Tal e como abordaran nas últimas reunións entre a Xunta e o Concello, o imposto sobre estancias turísticas será voluntario e estará xestionado ao 100% polos municipios que o decidan. Ademais, o 80% dos ingresos derivados da taxa terán que ir destinados ao fomento e desenvolvemento do turismo sostible. A norma permitirá aos concellos establecer unha recarga sobre o imposto, en aplicación da súa autonomía municipal. Será competencia íntegra dos concellos a xestión, aplicación, recadación, inspección e potestade sancionadora da recarga.

A reunión celebrada este venres continúa a dinámica de encontros coa rexedora local co fin de delimitar e avanzar na concreción desta norma demandada polo Concello de Santiago.

Arriba