01 xan 2025

Preto de 200 xornalistas e profesionais do sector internacionais promocionaron e divulgaron o destino galego en 17 mercados

Turismo de Galicia vén de pechar 2024 de intensa actividade no eido da promoción do destino turístico na que investiu 12M€ na totalidade do exercicio. Entre outras e dentro desta área estratéxica do organismo, a Xunta promoveu en colaboración coas Oficinas Españolas de Turismo (OET´s)  un total de 41 viaxes de familiarización nas que participaron 196 profesionais de medios de comunicación, xeradores de contidos, axentes de turismo e turoperadores, entre outros perfiles profesionais, de 17 nacionalidades de catro continentes: Europa, Asia e América do Norte, América do Sur.

Toda esta programación tivo o seu impacto directo a modo de reportaxes e mencións do destino naqueles medios e soportes utilizados polos profesionais que coñeceron Galicia. Entre eles, a TV polaca elaborou unha reportaxe en profundidade que será emitida no mercado emisor.

O conxunto de actuacións no apartado de promoción de Turismo de Galicia repercutiron tamén nas cifras de visitantes e peregrinos alcanzadas ata o momento. Segundo os últimos datos oficiais, ata novembro deste ano, a Comunidade recibiu a visita de  6.641.932 viaxeiros (31% internacionais), mentres que a data 30 de decembro, o número de peregrinos que fixeron o Camiño foi de 498.782.

Do total das accións promocionais organizadas, 26 estiveron protagonizadas por xornalistas, bloggers, instagrammers e influencers, contabilizando unha participación de 114 profesionais; 10 viaxes estaban dirixidas a axentes de turismo e turoperadores nas que se contaron 65 e o reto a público final e centradas na promoción da España Verde, un destino turístico integrado polas Comunidades de País Vasco, Cantabria, Asturias e Galicia, sendo este última a encargada da súa coordinación durante este 2024. En total, foron catro viaxes centradas na España Verde nas que participaron 15 profesionais de medios, de axencias e turoperadores.

Orixe internacional

En canto a orixe destes novos prescriptores do destino Galicia, cabe salientar que o mercado internacional foi o maioritario cun 78,05% do total das viaxes, fronte ao nacional que acadou o 21,95%. Así, organizáronse estadías para coñecer a Comunidade galega desde países coma de Italia (12%), Estados Unidos( 10%), Alemaña (7%), Reino Unido (5%), Polonia (5%), Xapón (5%) e Países Baixos (5%), entre outros. O 85% das viaxes foron en grupo.

O enoturismo e o turismo gastronómico foron algúns dos atractivos protagonistas destas accións de promoción xunto coa Ruta das Camelias e polos xardíns. A cidade de Santiago tamén espertou interese entre os participantes como cidade fin do Camiño e tamén pola proposta cultural.

Incremento consultas virtuais Turismo e Xacobeo

Todos estes contidos elaborados por axentes turísticos, turoperadores e xeradores de opinión tamén contribúen a incrementar o tráfico virtual das webs oficiais de Turismo de Galicia e do Xacobeo. Así, contabilizáronse en 2024 un total de 2.250.833 usuarios da web Turismo de Galicia, isto é un 61,3% máis. As rutas, seguidas de promocións, natureza e mar e costa foron os produtos turísticos máis buscados.

No que se refire á web do Xacobeo, o número de usuarios foi de 1.255.583, un 78,9% máis que en 2023. O aspecto da planificación das rutas foi o que máis consultas xerou polo 10,78% do total dos usuarios.

Arriba