19 xan 2025

Galicia presenta en Fitur máis de 40 presentacións de destino que poñen en valor os recursos naturais, patrimoniais, culturais e gastronómicos

Galicia chega á Feira Internacional Fitur cunha completa oferta que baixo o lema ‘Ya estás en Galicia!’ promete ás persoas visitantes un turismo baseado en experiencias vitais ricas e variadas. O evento celebrarase desde o próximo mércores 22 de xaneiro ata o domingo 26 no IFEMA de Madrid. Pódese consultar a programación para estes tres días en www.turismo.gal

O expositor da comunidade, situado no pavillón 9, organízase baixo o lema ‘Xa estás en Galicia!’ e quere converterse na porta de entrada á terra para as persoas, profesionais e visitantes, que se acheguen a coñecer as propostas turísticas galegas. Unha oferta marcada pola variedade, pola posta en valor dos recursos naturais, patrimoniais e históricos e por un carácter propio no que destaca a faceta acolledora do pobo galego que deixa pegada en quen se achega a ela.

Desde o mércores 22 e ata o venres 24, Fitur estará unicamente aberto a profesionais do sector turismo. Ao longo destas tres xornadas, o stand de Galicia acollerá case medio centenar de actividades promocionais, mostras e faladoiros. Haberá citas organizadas por Turismo de Galicia e outros organismos da Xunta, así como propostas das Deputacións, concellos, xeodestinos, consorcios e outras organizacións vinculadas co sector.

Entre as actividades previstas para estes días cabe destacar a sinatura do Memorando de entendemento Galicia-Jordania, que busca tender novas pontes entre estes dous territorios, así como o traspaso da coordinación da España Verde. A través da programación, buscarase potenciar a candidatura a Patrimonio Mundial da Ribeira Sacra, expandiranse as posibilidades do turismo vinculado aos Camiños de Santiago que percorren o territorio e abundarase no papel do clima como recurso turístico.

As persoas que se acheguen durante estas tres xornadas ao stand da comunidade poderán coñecer propostas turísticas vinculadas ao patrimonio histórico e natural, pero tamén ao turismo deportivo, o cine, o arte, a artesanía, a gastronomía e a unha das grandes apostas da comunidade, o turismo termal.

Sábado 25 e domingo 26 serán os días nos que Fitur se abrirá ao público xeral. Durante a fin de semana, a oferta do espazo de Galicia completarase con distintas demostracións e actuacións en vivo, vinculadas á cultura e a artesanía da terra.

Posta en valor do clima

Pola súa banda, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático estará tamén presente en Fitur para presentar a marca Galicia Refuxio Climático e o plan de xestión da Paisaxe Protexida Penedos de Pasarela e Traba, entre Vimianzo e Laxe.

O primeiro evento servirá para expoñer o conxunto de actuacións coas que Galicia aspira a consolidarse como un lugar amable, sostible e saudable onde vivir e que se traducirá na creación dos primeiros pulmóns verdes urbanos, un dos proxectos de lexislatura da Xunta. En canto aos Penedos de Pasarela e Traba, declarados paisaxe protexida no ano 2008 e conformados por un conxunto de elevacións graníticas que se prolongan durante 2,5 km, aproveitarase Fitur para dar a coñecer un espazo natural único pola singularidade e valor da súa xeomorfoloxía, a riqueza da súa biodiversidade e a súa situación xeográfica privilexiada, que os converte nun balcón natural cara ao Atlántico.

Un espazo sostible

Nunha aposta pola sustentabilidade, a Xunta adapta para esta edición da Feira o expositor que xa empregara o pasado ano e que fora recoñecido como ‘Mellor Stand de Fitur 2024’. Esta adaptación pasa por un deseño actualizado e funcional, no que se integran paisaxes naturais de costa e interior e elementos do patrimonio material e inmaterial, o que reflicte a variedade de escenarios e a riqueza da biodiversidade da comunidade.

Como ven sendo habitual, o espazo conta cun área específica de traballo e punto de encontro para facilitar as relacións profesionais e comerciais, ademais das destinadas á difusión da oferta turística. En total, son case 1.100m2, percorridos por máis de 25 metros de pantallas led, nos que se tentará transmitir as emocións que poderán sentir aquelas persoas que visiten Galicia.

Presenza noutras feiras

Fitur non é a única feira do sector na que a comunidade terá presencia durante o mes de xaneiro. Durante a segunda quincena do mes, Turismo de Galicia estará presente nas feiras de Finlandia e Irlanda. Con estas citas inaugúrase un calendario de compromisos que levará a promocionar Galicia en preto de 30 citas de ámbito nacional e internacional.

Arriba