22 xan 2025

Belén do Campo presenta en Fitur Terras de Ordes como un destino con personalidade propia ligado á natureza, ao patrimonio, á gastronomía e ao Camiño de Santiago

A delegada da Xunta, Belén do Campo,  participou na presentación Terras de Ordes, unha terra activa, enmarcada na programación do stand de Galicia na Feira Internacional de Turismo Fitur 2025. Na súa intervención lembrou o gran paso que supuxo para esta Mancomunidade a aprobación deste espazo como xeodestino propio, no 2022, neste senso, apuntou que agora “tedes o protagonismo que vos meredeces na xestión turística do voso territorio. Este recoñecemento é froito de moitos anos de traballo para colocar esta comarca no mapa dos destinos turísticos de Galicia”.

A representante do Goberno autonómico sinalou que “co apoio do sector e da man dos recursos turísticos deste territorio, o posicionamento da Mancomunidade de Ordes nos últimos anos está a demostrar a súa capacidade de desenvolvemento excepcional”.

A delegada referiuse á presentación Terras de Ordes, unha terra activa, como a “mellor maneira de consolidar esta comarca como un destino turístico de referencia, apostando pola experiencia auténtica na que o visitante non só descubrirá lugares, senón que vivirá experiencias únicas, como camiñar polos vosos roteiros naturais, probar a vosa gastronomía local ou coñecer as vosas tradicións e o voso patrimonio natural”.

Belén do Campo referiuse tamén a outro dos grandes valores que atesoura esta Mancomunidade, o Camiño Inglés, un trazado que desde hai séculos permite que milleiros de peregrinos con destino a Compostela deixen a súa pegada nestas terras.

Finalmente, felicitou a todo o equipo que forma parte deste xeodestino “polo seu traballo, bo facer e excelentes resultados que contribúen decididamente no proceso de reactivación e recuperación dos viaxeiros, que valoran produtos turísticos como os que se ofertan neste destino, baseados na natureza, o patrimonio, a gastronomía o contacto coa poboación local e a calidade”.

Arriba