23 xan 2025

O delegado territorial da Xunta pon en valor a Ourense e Galicia como destinos internacionais líderes en turismo de saúde e benestar

O  delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, asistiu á presentación da  23ª Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar (Termatalia) que se desenvolverá por sexta vez en América, nesta ocasión será en Colombia desde o 24 ao 30 de setembro.

O delegado territorial recalcou que esa alternancia desde o ano 2012 entre Ourense e América, da sede de Termatalia, ten como obxectivo  continuar afianzando esa ponte indestrutible entre ambos os lados do Atlántico, construído e apontoado por tantos elementos en común, entre os que se atopan os recursos termais.

O representante do Goberno galego salientou a potencialidade dos recursos que conta Colombia para posicionarse internacionalmente como un dos grandes destinos termais de América Latina, e mostrouse convencido de que este país conseguirá nesta 23ª edición os mesmos éxitos que as anteriores celebradas en Perú, Arxentina, México, Brasil e Uruguai cuxa celebración de Termatalia supuxo un antes e un despois no desenvolvemento e promoción dos seus recursos termais.

Por outra banda, Manuel Pardo destacou a ilusión e ganas que ten Galicia en participar nesta edición para así poder expandir por e desde Colombia a toda América todas as calidades e atractivos que nos converteron na primeira potencia termal de España e segunda de Europa. E no referente a  Ourense, engadiu, que é a segunda cidade europea con maiores reservas de augas mineromedicinais, unicamente por detrás de Budapest.

O delegado territorial subliñou que en Galicia contamos con 7 dos 8 tipos de augas medicinais, cunha concentración de recursos termais que supera os 300 mananciais, ademais de ter as augas máis quentes de Europa, o que fai da nosa comunidade un referente do termalismo no ámbito internacional.

O representante do Goberno galego lembrou que a Xunta ven de elaborar o Plan de Turismo Termal de Galicia 2025-2028 para, ademais de consolidar a nosa posición privilexiada neste sector, potenciar os atributos de calidade do termalismo galego, reforzar a profesionalización no turismo termal, e impulsar a actividade turística das contornas rurais e promocionar e comercializar novos produtos turístico

Entre as liñas de actuación deste novo plan, inclúense a creación de novos establecementos termais e mellora das infraestruturas existente; o desenvolvemento dun manual de boas prácticas para o sector termalismo, a creación dun Observatorio Termal; a formación especializada e continua para os profesionais do sector e retención do talento no sector termal; o desenvolvemento de novos produtos turísticos relacionados co sector termal e programa de asesoramento personalizado que identifique o potencial dos establecementos termais de Galicia e permita ás empresas termais renovar e desenvolver o seu plan de negocio para alcanzar unha maior rendibilidade e sustentabilidade.

O delegado territorial concluíu poñendo en valor o termalismo como parte por dereito propio da nosa ‘Marca Galicia’ alzándose nun reclamo turístico, que foxe de experiencias masificadas, convida a desconectar, a relaxarse e a coidarse. 

Arriba