29 mar 2025

Turismo de Galicia participa na feira B-TRAVEL 2025 para difundir a súa oferta entre o mercado catalán

Galicia, no marco do seu plan de accións de promoción turística 2025, busca consolidar a súa presencia como atractivo turístico entre o mercado de Cataluña coa súa participación na feira B-TRAVEL 2025. Organizado pola Fira de Barcelona, o salón desenvolveuse entre os días 28 e 30 de marzo no palacio 8 do recinto de Montjuïc. Trátase do certame turístico de referencia na comunidade, un salón internacional centrado no público xeral pero con espazos tamén exclusivos para o desenvolvemento de contactos profesionais.

Esta acción intégrase nas máis de 130 actuacións que Turismo de Galicia desenvolve ao longo deste ano 2025 en ao redor de 30 mercados e que conta cun investimento de 13 M€.

A participación da comunidade galega artellouse ao redor dun stand de 100m2, que Turismo de Galicia deseñou co obxectivo de destacar algúns dos atractivos que máis interesan da proposta turística de Galicia, como os seus recursos naturais ou o carácter hospitalario das xentes. O espazo contou cun obradoiro de pezas de papel baseadas en elementos da natureza galega a modo de dinamización. A encargada de desenvolvelo foi a artesán e creativa Cristina Velasco Mora, que é tamén a autora do set escenográfico integrado no stand e que conta co selo de Artesanía de Galicia.

A presenza de Turismo de Galicia na B-TRAVEL 2025 entronca coa súa estratexia de situar a comunidade como un destino turístico de calidade, baseado en experiencias diferenciais que casan coa poboación local e poñendo a sostibilidade como base.

Cataluña eríxese ademais como un dos principais mercados emisores de visitantes á rexión. Segundo o informe Balance do turismo en Galicia Ano 2024, elaborado pola Área de Estudios e Investigación da Axencia en base a datos do INE, Cataluña localízase no cuarto lugar entre as comunidades de España en canto á procedencia de turistas en Galicia. Cun 4,3% do total das noites realizadas por persoas desta rexión, sitúase por detrás de Madrid, Andalucía e Castela e León.

En 2024, 26.570 persoas visitaron B-TRAVEL, que na súa edición de 2025 conta coa participación de 120 expositores directos e máis de 600 indirectos. A feira estará aberta ao público venres e sábado, de 10 a 20 horas, e o domingo entre as 10 e as 18 horas.

Arriba