Rueda enxalza a hostalería lucense como exemplo de progreso económico e símbolo da marca Galicia Calidade
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou na gala organizada pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo, e na que se homenaxea co título Toda unha vida nos fogóns á traxectoria das iniciativas e proxectos máis salientables do sector.
Durante a súa intervención na cerimonia, Rueda puxo en valor o esforzo e a dedicación dos profesionais do sector hostaleiro galego, que valorou como “clave para o desenvolvemento económico e o fortalecemento da identidade do noso territorio”. “Sodes os embaixadores do que somos, da nosa cultura e do noso legado. Grazas ao voso traballo, Galicia é recoñecida en todo o mundo pola calidade da súa hostalería e gastronomía”, subliñou o presidente.
Neste senso, o xefe do Executivo galego asegurou que a hostalería contribúe ao reforzo da marca Galicia Calidade, “moito máis que unha etiqueta: un reflexo da nosa excelencia, do que somos e da nosa capacidade de unir tradición e innovación”. “Cada local de hostalería axuda a construír a identidade de Galicia grazas ao xeito diferente que ten de facer as cousas”, remarcou.
Rueda apuntou ao bo momento que viven o turismo e a gastronomía galegas. En 2024, Galicia rexistrou 8,2 millóns de visitantes, e o sector representa xa o 11% do PIB autonómico, sendo Lugo a provincia que maior crecemento da demanda turística experimentou, cun 8,6% máis respecto do 2023. No referido á gastronomía, o presidente puxo énfase especial na enogastronomía, que conta cun plan propia dotado con case 35 millóns de euros de fondos Next Generation.
Homenaxeados na cerimonia
Os homenaxeados na cerimonia co premio Toda unha vida nos fogóns inclúen a Ana María Gómez, do Restaurante Río Neira (O Corgo); Benedicto Vela, da Cervecería Kiko (Burela); Generoso e Amelia, da Lonxa de Burela¸ e Ángeles Galdo, do Hotel O Val do Naseiro (Viveiro).