03 abr 2025

A Xunta intensifica a súa aposta pola diversificación e internacionalización turística despois dos bos resultados de 2024

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, inaugurou o I Foro FEPROTUR de Turismo, organizado pola Federación Empresarial de Turismo e Hostalería de Pontevedra (FEPROTUR). Durante a súa intervención, salientou a aposta da Xunta de Galicia pola diversificación e internacionalización do destino Galicia despois dos bos resultados rexistrados en 2024 coa visita de 8,2 M de turistas e uns ingresos netos no sector de 432 millóns de euros en 2024, un 6,7 % máis que no ano anterior.

Ademais, o director de Turismo de Galicia subliñou o peso do turismo internacional durante 2024 que supuxo o 30 % dos visitantes cun gasto total de 2.675 M€. Neste punto, engadiu que o gasto medio diario do turista internacional estivo en 164,2 €, un 12,5 % máis que en 2023. Xosé Merelles salientou que o Goberno galego está a intensificar a súa estratexia de promoción turística cun plan de 130 accións no que se inviste 13 millóns de euros e que permite presentar a proposta turística de Galicia en 30 mercados nacionais e internacionais.

Neste escenario, o director de Turismo de Galicia puxo en valor o aporte de Pontevedra ao conxunto de Galicia. Nos dous primeiros meses deste 2025, aloxáronse en establecementos hoteleiros e extrahoteleiros de Pontevedra 120 mil visitantes, o que supón unha mellora do 1,2 % respecto 2024. Rexistráronse 204 mil pernoctacións en aloxamentos da provincia.

O director de Turismo de Galicia tamén resaltou o papel do Camiño de Santiago, que en 2024 seguiu sumando visitantes a través das distintas rutas. 499.241 persoas recolleron a Compostela o pasado ano, un 12 % máis que en 2023. Destas, un 58 % eran estranxeiras, o que confirma o aporte clave das rutas xacobeas na internacionalización do sector.

Camiños de Santiago

Referíndose aos Camiños Portugués e Portugués da Costa, Xosé Merelles salientou que o pasado ano os percorreron 95.492 e 74.758 peregrinos, respectivamente. Estas cifras indicaron un crecemento do 8 % no caso do Camiño Portugués e do 42 % no Portugués da Costa, o máis elevado, xunto co da ruta de Inverno, de todos os Camiños xacobeos.

Finalmente, Xosé Merelles destacou a importancia do evento nun marco como Galicia, no que o sector turismo dá emprego a 126 mil persoas, un 11 % do total de poboación ocupada. Trátase ademais dun emprego que gaña en estabilidade, apuntou, con taxas de temporalidade en mínimos históricos.

O I Foro FEPROTUR de Turismo continúa ao longo do día de hoxe con varias mesas que contarán coa participación de representantes de Turismo de Galicia. Concretamente, o director de Competitividade, Iván Meléndez, intervirá na que leva por título ‘Expansión responsable: Es posible crecer sen perder a esencia?’, e o director do Centro Superior de Hostalería de Galicia, Jose Paz, participará na mesa ‘Ferramentas de capacitación do sector. Capacitación dixital, formación e talento. Estamos listos?’.

Arriba