08 abr 2025

A Xunta comparte no Consello do Turismo de Galicia a urxencia para que o Goberno de España active “canto antes” as desgravacións fiscais do Xacobeo 2027

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, informou no Consello do Turismo de Galicia da necesidade de que o Goberno central active os mecanismos necesarios para que as empresas que queiran patrocinar o Xacobeo 2027 poidan facelo durante este ano e relatou os pasos que se teñen dado para conseguilo, sen éxito. “O retraso pon en risco a planificación e proxección internacional do evento”, salientou.

O director de Turismo de Galicia destacou que a atracción de investimento privado mediante beneficios fiscais ten demostrado “que fortalece o tecido empresarial e xera emprego”. Así, salientou que nas últimas catro celebracións de anos santos (1999, 2004, 2010 e 2021-2022), o apoio privado ao Xacobeo supuxo unha achega de 90,8M€. Esta colaboración permitiu a organización dunha programación, como dixo, diversificada e completa que axudou a expandir a marca Camiño de Santiago e Galicia a nivel global.

Xosé Merelles insistiu na necesidade de que as empresas interesadas en patrocinar eventos relacionados coa gran cita de Galicia en 2027 poidan coñecer canto antes o marco fiscal aplicable e indicou o compromiso da Xunta para seguir presionando ao Goberno central para acadalo. Neste sentido, lembrou os pasos dados ata o de agora polo Goberno autonómico para que o Goberno central aprobase este beneficio fiscal. Así, en 2024 aprobouse na Comisión Executiva do Consello Xacobeo a instancias de Galicia instar ao Ministerio de Cultura que o incorporase nos Orzamentos Xerais do Estado. Esta decisión ratificouse despois no Pleno do Consello Xacobeo.

Ademais, o Parlamento de Galicia instou a través de proposicións non de lei a que o Goberno de España aplicase a medida. Tamén se reclamou no Senado. “Estas peticións non están sendo atendidas pola incapacidade do Goberno de sacar adiante os Orzamentos Xerais do Estado”, insistiu Xosé Merelles antes de lembrar tamén que puxo trabas no Congreso dos Deputados ao vetar a tramitación parlamentaria dunha proposición de lei do grupo parlamentario do PP para recoñecer como acontecementos de excepcional interese público de eventos como o Xacobeo 2027.

Máis seguridade viaria nos camiños

O Consello do Turismo de Galicia tamén analizou o plan de inspección de Turismo de 2025, destacando que durante 2024 se realizaron un total de 4.134 visitas a establecementos turísticos co fin de garantir que cumprían a legalidade. Deste total, abríronse 408 expedientes sancionadores que tiveron especial incidencia nas cafeterías e bares e na vivendas de uso turístico. O pleno do órgano da administración turística eloxiou a tarefa realizada polo corpo de inspectores, que, segundo anunciou Turismo de Galicia, incrementarase con novos profesionais que reforzarán o servizo, especialmente nas vivendas de uso turístico.

O Camiño de Santiago foi outro dos eixos analizados no decurso desta xuntanza. O pleno do Consello do Turismo de Galicia foi informado do Plan de Seguridade Viaria, no que se invisten 40M€ para mellorar a seguridade viaria dos peregrinos no horizonte 2027. O proxecto actúa naqueles lugares do Camiño de Santiago nos que hai treitos comúns coa rede de estradas.

Turismo de Galicia informou que xa están en marcha todas as actuacións enmarcadas neste plan, sendo as máis avanzadas as do Camiño Inglés ao seu paso por Santiago de Compostela e Abegondo.

O plan inclúe tamén actuacións no Camiño de Inverno e no Mozárabe-Vía da Prata, en concreto, en 38 km en cada un dos itinerarios. Ademais, actuarase en 25 km do Camiño Norte, en 20 do Camiño Francés e en preto de 15 no Camiño Primitivo. As actuacións comprenderán tamén preto de 7 km no Camiño Portugués e pola Costa, 4 no Camiño Inglés e 2 no de Fisterra-Muxía.

Promoción do destino e termalismo

O Consello do Turismo de Galicia analizou tamén o Plan de Accións de Promoción de Turismo de Galicia 2025 que inclúe máis de 130 accións en 30 mercados nacionais e internacionais e conta cun investimento de 13M€. O Plan Termal de Galicia tamén foi outro dos asuntos avaliados, neste caso, anunciouse que as axudas para a mellora e creación de novos establecementos termais sairán convocadas a partir do mes de maio.

Durante o encontro tamén aprobou a declaración de festas de interese turístico de Galicia á festa das carrozas do San Cidre (Boqueixón); á Feira tradicional dos Remedios (Ponteareas); á Semana Santa de O Carballiño (O Carballiño) e á Feira Cabalar do San Martiño de Francos (Teo). Estes expedientes continuarán agora a súa tramitación someténdose á aprobación definitiva por parte do Consello da Xunta de Galicia.

Ampla representación

O Consello do Turismo de Galicia é o órgano de asesoramento, apoio e proposta para os asuntos referidos á ordenación, promoción, fomento e desenvolvemento do turismo. Está composto por representantes das consellerías en materia de infraestruturas, sanidade, economía, medio rural e cultura.

Tamén representantes das administracións locais propostos pola Federación Galega de Municipios e Provincias, as universidades galegas, así como representantes de establecementos hoteleiros, de restauración, turismo rural, axencias de viaxes, campings, guías de turismo... Tamén conta con representación das organizacións sindicais, asociacións de consumidores e usuarios, entre outras.

Arriba