12 abr 2025

Turismo de Galicia promociona a Primavera de Portas Abertas nas redes sociais cunha campaña protagonizada por creadores de contidos

Turismo de Galicia avanza na súa estratexia de dar a coñecer os produtos turísticos singulares da comunidade entre persoas creadoras de contido en redes e web e influencers relacionadas co sector. Trátase dunha serie de cinco famtrips que, durante varias fins de semanas de abril, levarán a distintas personalidades do social media a gozar dalgunhas das experiencias da Primavera de Portas Abertas, que durante o mes de maio estarán dispoñibles para o público xeral.

Concretamente, o venres 11 de abril e o sábado 12 estase a realizar a viaxe de familiarización en torno á  Ruta do Viño Monterrei. A través desta experiencia, as persoas detrás das contas de Instagram @hacemoslasmaletas, @guisandomelavida e @gallegoviajero poden coñecer a adega Triay mentres se aloxan no Parador de Verín e desfrutan das súas cociñas e das do restaurante O Segredo do Retiro.

As visitas retómanse tras da Semana Santa, o 25 e 26 de abril, unha selección de instagramers que visitará a Ruta do Viño da Ribeira Sacra. Está previsto que participen @petiscosgalegos, @galicia.angibaldrich e @engaliciamorate. O aloxamento será no hotel Mogay, percorrerán a adega Finca Míllara e degustarán os menús dos restaurantes A Faragulla e A Taranxela.

A última das viaxes, 26 e 27 de abril, será para a Ruta do Viño de Valdeorras, que visitarán @animalesviajeros, @curiosi.travel e @losviajesdealifog. A experiencia inclúe a hospedaxe e cea en A Pontevella, así como visita á adega A Coroa e comida no restaurante Cova da Xabreira. Todas as citas inclúen cata dos viños da denominación de orixe correspondente.

Rías Baixas e Ribeiro

A primeira das viaxes de familiarización desenvolveuse o 4 e o 5 de abril pola Ruta do Viño Rías Baixas. Incluíu hospedaxe no aloxamento de turismo rural Casa do Sear, visita á adega Martín Códax e comidas en espazos senlleiros como son os restaurantes Casa Rosita e Horta e Viño. Nesta primeira viaxe participaron as instagramers @Jes_sss, @aworldtotravel e @saraluamchef8.

Entre o sábado 5 e o domingo 6 tivo lugar o famtrip da Ruta do Viño do Ribeiro, con aloxamento no Laias Caldaria Hotel Balneario de Cenlle, onde puideron realizar unha experiencia termal, así como visita a adega Cuñas Davia e comidas nos restaurantes Alfonso V e Casal de Armán. Percorreron este destino @lolaframbuesa, @unsaltoagalicia e @trotando.mundos.

Mediante este tipo de iniciativas, Turismo de Galicia quere achegar distintas propostas diferenciais a profesionais das redes sociais destacadas polo seu papel activo nas recomendacións de ocio e gastronomía. Búscase que estas figuras xeren cobertura mediática e visibilidade para o destino dunha forma orgánica, chegando a grupos de público a través doutro tipo de canais ou formatos. Estas accións entran dentro da planificación de promoción turística da Xunta, que prevé para 2025 realizar ao redor de medio cento de viaxes a Galicia de distintos axentes, desde operadores turísticos a xornalistas, para promocionar os recursos da comunidade. 

Arriba