24 abr 2025

Xosé Merelles recolle o premio terra que recoñece a aposta do Camiño de Santiago polo turismo sostible e cultural

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, recolleu  en San Cristóbal de La Laguna o Premio Terra á Iniciativa Turística ao Camiño de Santiago. Outorgado pola Fundación Diario de Avisos, o recoñecemento quere destacar a extraordinaria contribución ao impulso do turismo sostible e cultural, e o seu papel como referente mundial na conexión de culturas e tradicións.

Durante a súa intervención, o director de Turismo de Galicia destacou o valor dun galardón que recoñece os esforzos realizados desde o Goberno galego “por manter plenamente actuais percorridos que se remontan milenios atrás” e “por facilitar a experiencia para quen a realiza, pero tamén por facela máis sostible e respectuosa co noso patrimonio arquitectónico e natural”. Tamén puxo en valor o papel do traballo realizado “por contribuír a que sexa un exemplo de convivencia e integración, tanto entre quen a realiza como coa poboación local”.

Merelles explicou que, no que vai de 2025, máis de 58.000 persoas percorreron algunha das dez rutas xacobeas, o que supón un 6% más que en 2024. Destas, un 64% eran estranxeiras, o que da a medida do peso internacional do Camiño. En 2024 repartíronse case medio millón de Compostelas, un 12% máis que en 2023.

Os Premios Terra, entregados anualmente coa colaboración da UNESCO, distinguen iniciativas singulares para a mellora e conservación dos Patrimonios da Humanidade e que, pola súa natureza innovadora e labor exemplar, aportasen un valor engadido ao enriquecemento e protección de bens naturais e culturais. Teñen precisamente como sede a localidade de San Cristóbal de La Laguna, declarada Patrimonio da Humanidade en 1999.

Nesta edición, resultaron tamén recoñecidos o Centro Histórico da cidade belga de Bruxas; a Gran Muralla Chinesa, o flamenco e a exploradora, documentalista e activista Céline Cousteau. Entre os galardóns das tres anteriores edicións figuran exemplos de Patrimonio Mundial da UNESCO como a Acrópoles de Atenas, Stonehenge, a catedral de Notre-Dame de París, a localidade colombiana de Cartaxena de Indias, as cataratas de Iguazú ou o veciño fado.

Arriba