A Xunta inicia os traballos do Programa para a recuperación de edificacións de especial valor arquitectónico, histórico e cultural no litoral
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, mantiveron recentemente unha reunión para dar inicio aos traballos do Programa para a recuperación e rehabilitación de edificacións de especial valor arquitectónico, histórico e cultural no litoral.
Durante o encontro, analizaron o procedemento para levar a cabo esta iniciativa que busca a recuperación de inmobles preexistentes de especial interese co obxectivo de crear unha rede de establecementos turísticos de calidade, que contribúan á diversificación e desestacionalización do sector e, ao mesmo tempo, favorecer o desenvolvemento sostible do litoral.
Ademais, a conselleira puxo en valor que tamén formarán parte da rede aquelas edificacións que tiveran previamente uso residencial e que estivesen legalmente establecidas antes da Lei de Costas.
Pola súa banda, o director de Turismo de Galicia salientou a importancia desta medida que permitirá seguir avanzando nunha actividade turística que xere emprego e oportunidades na Comunidade ao tempo que contribúa á recuperación do patrimonio galego.
Nesa liña, na reunión, ademais de analizar os traballos técnicos de identificación de inmobles que poden formar parte da rede, estudaron os criterios que regularán as condicións que deben reunir as edificacións, os requisitos exixibles aos establecementos e o seu réxime de funcionamento, así como das condicións de integración paisaxísticas que deben cumprir.
Este programa forma parte das medidas incluídas na planificación para desenvolver a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral, unha vez asinado o convenio para facer efectivo o traspaso á Comunidade dos medios, funcións e servizos para a xestión completa da costa. Entre elas, cómpre salientar a creación dunha rede de sendas que conectará o litoral desde Ribadeo ata A Garda ou a Guía para a integración paisaxística dos establecementos hoteleiros do litoral.