02 mai 2025

A Xunta avanzará no conteo de peregrinos no Camiño Inglés instalando tres novos sensores na ruta

A Xunta de Galicia continúa na súa intención de obter datos máis rigorosos e exactos do número de peregrinos que cada ano fan o Camiño de Santiago. Así, logo de instalar un total de 12 sensores en distintos puntos de algunhas rutas oficiais, este 2025 acometerá unha segunda fase que achegará 25 novos dispositivos completando así todos os camiños. Así o anunciou o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, xunto á delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, no decurso dunha visita ao albergue de peregrinos de Ferrol, integrado na Rede Pública de Albergues do Xacobeo, e pertencente ao Camiño Inglés, no que adiantou que se instalarán tres novos sensores que se unirán aos existentes, sumando un total de cinco en todo o traxecto.

Logo da implantación da ducia de sensores nos Camiños Francés, Norte, Primitivo, Inglés e Portugués o pasado ano, o director de Turismo de Galicia dixo xa ter os primeiros datos avance de resultados que indican que por cada compostela recollida en Santiago de Compostela, hai unha media de 1,6 peregrinos máis. “Isto revela unha realidade moi interesante que nos vai axudar a todas as administracións con responsabilidades no Camiño de Santiago a tomar mellores e máis axustadas decisións e actuacións”, asegurou.

Xosé Merelles destacou ademais que este ano se instalarán, nunha segunda fase da iniciativa, 25 novos dispositivos co que se obterán información de todos os camiños oficiais anunciando que “por primeira vez, tamén teremos datos dos peregrinos que deciden continuar a súa experiencia desde Santiago ata Muxía e Fisterra con sensores que tamén controlarán ese fluxo de peregrinos”. Ata o de agora, só contabilizan os que comezan na Costa da Morte e rematan en Compostela.

No caso do Camiño Inglés, no que se localiza o albergue de Ferrol, o director de Turismo de Galicia salientou que os novos dispositivos colocaranse nos concellos de Carral, Mesía e Cabanas e sumaranse aos xa instalados en Ordes e en Santiago de Compostela. “Toda esta información permitiranos realizar mellor deseño, planificación e programación das accións en materia de turismo, sobre todo no horizonte do Xacobeo 2027”, asegurou.

Ao tempo, lembrou que ata o día de hoxe un total de 4.761 peregrinos xa recolleron a Compostela en Santiago tras percorrer o Camiño Inglés que está a medrar a un ritmo do 13 %.

Boa ocupación do albergue

Pola súa banda, a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, destacou que este incremento no número de peregrinos que elixen o Camiño Inglés como ruta xacobea está a favorecer a boa ocupación que presenta o albergue de Ferrol que con 664 pernoitas no primeiro cuadrimestre do ano, rexistra un crecemento do 11,5 % con respecto ao mesmo período do ano anterior.

Aneiros lembrou que 2024 foi o primeiro ano completo de actividade das instalacións de Ferrol -foron inauguradas en xullo de 2023- que rexistraron a presenza de 3.129 peregrinos. O edificio ten capacidade para 60 persoas, con dúas prazas para persoas con mobilidade reducida. Na planta inferior dispón de oficina, sala común, comedor e cociña, e na planta superior, os dormitorios e os aseos.

Arriba