20 mai 2025

A Xunta incorpora á súa oferta turística a reserva ecoturista da España Verde para reforzarse como destino sostible

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou na presentación da Reserva Ecoturista da España Verde, o novo produto turístico do norte peninsular no que a Xunta de Galicia coordinou para ofrecer máis de 30 experiencias temáticas en seis espazos de costa e interior e coa participación de máis de 100 empresas galegas.

Nun acto no que  tamén se contou coa presenza da directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz Mouteira, o director de Turismo puxo en valor o traballo realizado durante os últimos dous anos para facer realidade esta iniciativa en cuxo desenvolvemento colaborou Turismo de Galicia.  En concreto, está deseñada nun total de 25 espazos naturais protexidos de Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi, moitos dos cales están recoñecidos como Reserva da Biosfera da UNESCO.

O proxecto nace no marco da España Verde, que puxo en marcha a iniciativa do Corredor de Ecoturismo, beneficiario dunha achega de 938.000€ de fondos Next Generation da Unión Europea. É neste contexto no que se crea a Reserva Ecoturista, en palabras de Xosé Merelles, “o produto temático de ecoturismo máis relevante de España”.

Os espazos percorridos pola Reserva Ecoturista abranguen áreas de costa, de alta montaña e de bosque, así como algunhas das especies de flora e fauna máis emblemáticas da Península Ibérica. Para o seu desenvolvemento coordináronse 385 axentes, dos que 331 son empresas turísticas, como aloxamentos, guías, firmas de observación ou agroalimentarias, e 55 axentes locais, entre eles concellos, asociacións, grupos de acción local ou xestores de espazos protexidos.

Seis espazos naturais na Comunidade

O director de Turismo de Galicia destacou a contribución de Galicia á Reserva Ecoturista, con seis espazos tanto de costa como de interior. Así, formarán parte da ruta as Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo; a Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel; os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá; o río Eo, Oscos e Terras de Burón; o Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel; e o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

Xosé Merelles puxo en valor o traballo realizado desde fai anos coa Asociación de Ecoturismo de España, dentro do cal encadrou este proxecto. Entre outros resultados, destacou a adhesión de 100 empresas turísticas e a creación dun panel con arredor dunha trintena de experiencias diversas. En relación á labor realizada coa marca España Verde, Merelles salientou iniciativas como o programa de formación e sensibilización en ecoturismo, as axudas á certificación de máis de 300 empresas nesta materia, ou o próximo plan de comunicación online, que espera lanzar este mesmo mes.

“Grazas a todo isto”, subliñou, “en todas as Comunidades da España Verde en global contamos con 114 experiencias de ecoturismo de diversa gama: observación de fauna, rutas de natureza e fotografía, experiencias de etnografía, de talleres de artesanía e produto local e de xeoturismo e turismo científico”.

A presentación oficial da Reserva Ecoturista será o próximo 28 de maio en Madrid e poderase seguir a través da retransmisión en streaming polos canais de Turespaña.

Arriba