23 mai 2025

Juan Magán súmase aos Concertos do Xacobeo da Xunta como estrela musical da Festa da Rosa de Mos

Os Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia suman un novo fito ás portas deste verán en Pontevedra: o concerto da estrela internacional Juan Magán na Festa da Rosa, no Pazo de Mos. O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, anunciouno no acto de presentación da nova edición da Festa da Rosa.

Recoñecida como Evento de Interese Turístico de Galicia, pola súa tradición, relevancia e alcance, neste 2025, a Festa da Rosa de Mos terá lugar o venres 13 de xuño no que Juan Magán será o prato principal da festa musical, cunha actuación que dará comezo ás 22,00 horas. Como explicou o director de Turismo de Galicia durante a presentación, este ano  esta popular cita de Interese Turístico de Galicia combinará “a riqueza cultural e gastronómica de Galicia coa mellor música en vivo cunha figura de renome internacional como Juan Magán, que actuará co apoio dos Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia”.

Merelles apuntou, tamén, que Juan Magán trátase dun artista capaz de atraer a públicos locais e foráneos de diferentes xeracións, amantes dun xénero musical, o electrolatino, do que el é pioneiro. “Para nós é unha honra facer posible traer os Concertos do Xacobeo a espazos tan singulares de Galicia como o Pazo de Mos, convertendo o seu directo nunha experiencia única para todos os públicos”.

Destino de eventos musicais

Neste sentido, destacou que esta iniciativa enmárcase na firme aposta da Xunta por posicionar á comunidade galega como destino turístico de grandes eventos musicais a través desta marca impulsada pola Axencia Turismo de Galicia que da cobertura a diversas citas e espectáculos musicais en 2025 coa intención de consolidarse como destino de eventos musicais. Este ano permitirá a participación de máis de 700 artistas nacionais e internacionais en preto dun centenar de eventos.

Con máis de dúas décadas de traxectoria ás súas costas, Juan Magán é todo un referente a nivel mundial na integración de sons e culturas diversas, así como impulsor de novos talentos no panorama musical. Colaborou con artistas de éxito mundial como Shakira, Don Omar, Pitbull, Paulina Rubio, Enrique Iglesias ou Gente de Zona. Foi nomeado cinco veces aos Grammy Latinos e seis veces aos Billboard Latin Music Awards. E é un dos artistas españois con máis reproducións nas plataformas dixitais a nivel mundial.

Arriba