Rueda celebra o impulso do irmandamento entre o Camiño de Santiago e o Camiño de Cura Brochero para reforzar os lazos coa Arxentina
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou no acto de presentación da nova Certificación Dual para peregrinos, un proxecto pioneiro que recoñece oficialmente a realización conxunta do Camiño de Santiago e do Camiño do Cura Brochero, na provincia arxentina de Córdoba. O evento tivo lugar en Santiago de Compostela e contou coa presenza institucional dunha delegación cordobesa encabezada polo seu gobernador, Martín Llaryora.
O titular do Goberno galego expresou o valor simbólico, espiritual e cultural dunha iniciativa que, segundo destacou, permite unir continentes, enlazar dous dos itinerarios de peregrinación máis emblemáticos do mundo e reforzar os lazos históricos entre Galicia e Arxentina. Rueda subliñou que este proxecto representa un novo chanzo nun proceso de colaboración fluído e firme entre ambas rexións, iniciado xa en 2023 coa sinatura dun Memorando de Entendemento.
O xefe do Executivo autonómico destacou que a nova certificación representa moito máis que un documento oficial: constitúe unha expresión simbólica dunha alianza espiritual entre dous camiños que comparten valores comúns, como a fe, o esforzo, o encontro persoal e a transformación interior que só se pode experimentar “se un é peregrino”.
Neste senso, Rueda salientou que tanto o Camiño do Cura Brochero como o Camiño de Santiago son itinerarios tanto físicos como espirituais cun forte compoñente cultural, social e humano. A súa unión oficial supón tamén un recoñecemento á pegada que ambos deixan nos seus peregrinos e un impulso a un modelo de turismo máis sustentable, reflexivo e responsable. Neste sentido, animou a realizar esta ruta “para coñecer un Camiño diferente doutro país que ten moito que ofrecer”.
O presidente incidiu tamén no valor do irmandamento entre rutas de peregrinación como ferramenta de construción de fraternidade e cooperación internacional. Neste contexto, recalcou que este feito aporta a Galicia “un carácter transoceánico” e reivindicou os valores de diálogo, tranquilidade e respecto mutuo como propios do pobo galego.
Rueda aproveitou para lembrar a forte presenza galega na Arxentina (con máis de 180.000 residentes) e o crecente interese do pobo arxentino polo Camiño de Santiago, con máis de 4.800 peregrinos dese país en 2024, un 5% máis que o ano anterior, e “case 2.000 arxentinos que xa recolleron este ano a súa Compostelana”.
O titular do Goberno galego expresou o seu firme compromiso de seguir traballando con América Latina no fortalecemento dos vínculos espirituais, culturais e económicos que unen ambas beiras do Atlántico. Así, manifestou tamén a súa vontade de consolidar iniciativas que contribúen a proxectar Galicia ao mundo como terra de acollida, encontro e colaboración internacional.