29 mai 2025

Turismo de Galicia destina 120.000€ a axudas ás Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago

O Diario Oficial de Galicia publicou a nova convocatoria de achegas ás Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago e outras entidades similares, para as que Turismo de Galicia, a través da Sociedade Anónima de Xestión do Xacobeo, prevé destinar un máximo de 120.000€.

Esta entidade, tutelada pola Axencia, é a encargada das relacións con estas asociacións, consideradas historicamente esenciais na dinamización do Camiño e das súas rutas, tanto en Galicia, como no resto de España e noutros países. A través destas achegas quérese fomentar a difusión e a promoción do Camiño de Santiago e da cultura xacobea, así como da peregrinación xacobea.

En concreto, ademais das Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, poderán solicitar as axudas outras entidades legalmente constituídas que teñan como finalidade a promoción do Camiño de Santiago e a súa peregrinación e como obxecto accións relacionadas co Camiño de Santiago e a peregrinación xacobea.  

Máximo de 8.000 euros

Cada organización só poderá presentar un proxecto dentro da convocatoria, podendo acceder a un máximo de 8.000€ por iniciativa e entidade. En total, o importe máximo para o financiamento das axudas é de 120.000€ para 2025. Para a súa solicitude cóntase cun mes a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Poden consultarse as bases completas na propia convocatoria do DOG ou a través da sede da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo. Estas axudas veñen convocándose desde o ano 2017. O ano pasado beneficiáronse 23 proxectos.

Arriba