A Xunta licitará a finais deste verán as obras de mellora da Torre de Hércules por preto de 1 M€
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, xunto coa delegada territorial da Xunta en A Coruña, Belén do Campo, realizou unha visita á contorna da Torre de Hércules. Alí, Xosé Merelles anunciou que o Goberno galego “licitará as obras de mellora deste Ben de Interese Cultural (BIC) por importe de 995.000 euros antes de que remate o verán” co obxectivo de adxudicalas a finais de ano e executalas no primeiro semestre de 2026. A planificación realízase logo de ratificarse o acordo co Concello de A Coruña para a cesión dos terreos que permitirá esta actuación.
Esta actuación está cofinanciada pola Unión Europea a través do plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, que inclúe o Plan Xacobeo Next Generation: posta en valor dos BIC do Camiño de Santiago que ten como finalidade de conservar os bens de interese cultural da comunidade e incentivar o seu aproveitamento social e turístico. En concreto, a Xunta xestiona máis de 27 millóns de euros na mellora de 10 BICs galegos.
Deste xeito, “incrementaremos aínda máis o valor turístico deste monumento, mellorando a capacidade que o patrimonio histórico e cultural galego ten para atraer visitantes en todo o territorio”, asegurou.
Neste sentido, salientou que as actuacións que se están a realizar nestes BIC consisten sobre todo na rehabilitación de espazos de uso turístico, melloras de sustentabilidade, accesibilidade e eficiencia enerxética, e impulso da dixitalización destes bens.
Mellora do perímetro e da accesibilidade ao monumento
En concreto, na Torre de Hércules procederase á escavación na área de restauración do perímetro inmediato á base da Torre ao tempo que se mellorará a accesibilidade e levaranse a cabo distintas actuacións de reparación da área arqueolóxica da Torre de Hércules.
Ademais, actuarase nas Salas Gianini, a terraza superior e o Edículo e instalarase un alumeado ornamental con criterios de eficiencia enerxética. Tamén se restaurarán os sendeiros do Espazo Natural de Interese Local Torre de Hércules (ENIL) na contorna do monumento.