13 xuñ 2025

Justin Quiles leva a mellor música urbana latina ás festas de Ourense da man dos concertos do Xacobeo

A Xunta de Galicia achegará ás Festas de Ourense a mellor música urbana latina do momento no marco dos Concertos do Xacobeo, co directo do cantante e compositor estadounidense Justin Quiles. Así o presentaron en rolda de prensa o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo.

O sábado, 21 de xuño, ás 23.00h, en Pardo de Cela, terá lugar o concerto de Justin Quiles, reguetoneiro que non descarta xéneros como o pop e o trap. O artista actuará de balde xunto a Louis BPM, músico venezolano considerado como un rapeiro emerxente apaixonado do trap, subxénero que fusiona o rap con sons electrónicos.

No acto de presentación do concerto, Xosé Merelles salientou que “a misión de Turismo de Galicia é darlle cobertura a citas que aportan un valor turístico para o noso territorio, como é o caso de concertos de artista internacionais coma Justin Quiles, todo un referente contemporáneo da música actual, que visita Ourense este mes de xuño grazas ao apoio dos Concertos do Xacobeo”.

O director de Turismo de Galicia apuntou, tamén, que “os Concertos do Xacobeo teñen a misión de fomentar propostas musicais singulares e exclusivas, con artistas internacionais de primeiro nivel que poden verse en Galicia”. E rematou: “o público que veña gozar das Festas de Ourense, co seu innegable atractivo turístico, gastronómico, cultural e patrimonial, terá tamén a oportunidade de presenciar unha proposta artística aberta a todo tipo de público e en sintonía cos sons que hoxe teñen unha grandísima pegada”.

Unha icona da música urbana latina que aterra en Galicia

Justin Rafael Quiles Rivera, coñecido artisticamente como Justin Quiles, é un dos cantautores máis influentes da música urbana latina. Nado en 1990 en Bridgeport, Connecticut, o artista soubo conquistar o mundo co seu talento, a súa versatilidade e a súa paixón.

Desde os seus inicios en Porto Rico no ano 2007, Justin Quiles construíu unha carreira sólida marcada por éxitos globais, letras auténticas e colaboracións con iconas como Maluma, Daddy Yankee, Anitta, Nicky Jam, Becky G, Farruko, J Balvin e Zion & Lennox. A súa capacidade para mesturar ritmos como o reguetón, o trap, o merengue, a soca e os sons tropicais urbanos fan del un celebrado innovador do xénero.

Con millóns de reproducións, xiras internacionais e un estilo único, Justin Quiles non só é un referente, senón tamén unha promesa cumprida da música urbana moderna.

Concertos do Xacobeo, un programa plural que apoia os principais eventos de Galicia

Concertos do Xacobeo é un programa amplo e plural programa de eventos impulsado por Turismo de Galicia que da cobertura a todas as grandes e máis singulares citas e espectáculos musicais en 2025, con máis de 115 festivais, ciclos e concertos imprescindibles en máis de 50 localidades de toda Galicia.

Na provincia da Ourense, Concertos do Xacobeo suma preto dunha vintena de eventos, entre eles, este concerto de Justin Quiles o sábado 21 de xuño nas Festas de Ourense.

Turismo de Galicia potencia así o atractivo turístico da cidade cunha axenda de propostas artísticas de primeiro nivel cunha gran diversidade de xéneros e estilos para todos os públicos. Concertos do Xacobeo fomenta en Ourense a dinamización turística e a economía local, co apoio a asociacións locais, motores da cultura propia, á hostalería e ao comercio; e, tamén, a posta en valor da riqueza patrimonial local, xa que moitos dos eventos celébranse en espazos naturais e patrimoniais de gran valor da provincia. Entre as figuras que visitarán Ourense estes meses da man dos Concertos do Xacobeo, cítanse, ademais de Justin Quiles, Carlos Núñez, Sés, Jethro Tull ou Los Secretos, entre moitas outras.

Máis de 700 artistas internacionais, nacionais e galegos de todos os xéneros que pisan forte nas listas de escoitas de agora e de sempre visitarán neste 2025 os Concertos do Xacobeo.

O programa completo está recollido na páxina web www.concertosdoxacobeo.gal.

Arriba