18 xuñ 2025

Turismo de Galicia abre o prazo para solicitar 37 bolsas para estudos de xestión hostaleira e chef no Centro Superior de Hostalería de Galicia

O Diario Oficial de Galicia recolle a apertura do prazo de solicitude de novas bolsas para o alumnado do Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG). Esta nova convocatoria de Turismo de Galicia outorgará un total de 37 axudas, a través das que quere apoiar a realización do grao en Xestión de Empresas Hostaleiras e do Curso Superior de Chef de Cociña e Pastelería. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes a partir de mañá xoves, 19 de xuño.

En concreto, 31 das bolsas destinaranse ao grao en Xestión de Empresas Hostaleiras, mentres que as seis restantes serán para persoas que realicen os estudos de Chef. Estas achegas clasifícanse en tres tipos distintos: bolsas ordinarias tipo I, dentro das cales se reparten 10 para o grao en Xestión e unha para o curso de Chef; bolsas ordinarias tipo II, con 15 e 3 axudas respectivamente; e bolsas de excelencia académica tipo I, das que se outorgarán seis para o grao e dúas para o curso.

Cada categoría inclúe distintos beneficios. As 11 bolsas ordinarias tipo 1 e as oito de excelencia académica para novo alumnado implican un desconto do 80 % do prezo da matrícula ordinaria, o que supón pagar 800 € fronte aos 4.000 € do total da matrícula. As persoas que acaden algunha das 18 bolsas ordinarias tipo II recibirán unha rebaixa do 50 % no prezo da matrícula, quedando en 2.000 €. Todas elas accederán a unha rebaixa do 100 % no prezo do aloxamento na residencia do CSHG en cuarto compartido en réxime de pensión completa de luns a venres durante o curso académico, valorado en 3.138,28 €.

Nova adxudicación ou renovación

As bolsas poden ser de nova adxudicación para aquelas persoas que se matriculen por primeira vez nunha titulación do CSHG ou de renovación para quen obtivera a axuda nos cursos anteriores, baixo as mesmas condicións. Tamén poderá acceder o alumnado que non obtivera bolsa en anos anteriores, sempre e cando non sexan cubertas a totalidade das bolsas ordinarias tipo II con quen se matricula por primeira vez.

Os requisitos xerais que se deben cumprir para acadar as bolsas inclúen ter a nacionalidade española ou dun Estado membro da Unión Europea, ter solicitada a pre-admisión no curso 2025/26 nalgunha das titulacións que imparte o CSHG e acreditar determinados niveis de renda familiar. Ademais, para as bolsas ordinarias tipo I e II do grao en Xestión de Empresas Hostaleiras, as persoas solicitantes deberán acreditar unha cualificación na proba de acceso á universidade ou noutras ensinanzas que lle permitan o acceso igual ou superior a 5 puntos. Para o Curso Superior de Chef de Cociña e Pastelería, deberán contar cunha titulación de ciclo medio ou superior na rama da hostalería, certificado de profesionalidade en cociña ou seis meses de experiencia laboral neste campo. As persoas que queiran acceder ás bolsas de excelencia académica deberán acreditar notas iguais ou superiores a 8 puntos nas probas ou estudos de acceso.

Outras achegas

Ademais das bolsas ordinarias e de excelencia, o CSHG conta con outras axudas ao alumnado. En abril pechouse o prazo de solicitude das axudas para persoas galegas residentes no estranxeiro, que para o curso 2025-2026 incrementaron o seu número ata as 22. Ademais, o Centro ten subscritos acordos con cadeas hoteleiras para ofertar aloxamento gratuíto, e conta así mesmo cunha serie de exencións no prezo da matrícula.

Arriba