04 xul 2025

Xosé Merelles destaca que as bandeiras azuis e os distintivos Q e S recoñecen os altos estándares de calidade da oferta turística de Galicia

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, asistiu ao izado da bandeira azul e dos distintivos Q de Calidade Turística e S de Sostibilidade Turística no Real Club Náutico de A Coruña. O director da Axencia destacou a importante aposta que desde o Goberno da comunidade se está a facer por promover un turismo de calidade e lembrou que a Xunta destinou en 2024 un total de 3M€ á mellora das infraestruturas dos portos deportivos no marco dos fondos europeos Next Generation.

Precisamente, a calidade é un dos obxectivos recollido na Estratexia de Turismo 2030, que recoñece as certificacións de calidade e sostibilidade como un elemento a través do que traballar pola mellora continua do sector turístico. Merelles destacou “o recoñecemento da singularidade da oferta de establecementos e servizos turísticos” que aportan estes distintivos. 

Tamén lembrou o apoio da Axencia para a súa consecución, que se concreta a través dunha liña anual de subvencións a establecementos e servizos turísticos para participar nestes procesos de certificación. Na súa última convocatoria, en 2024, destináronse 210.000€ á súa cobertura. 

En total, Galicia conta con 108 praias con bandeira azul, das que 39 delas están na provincia da Coruña, 16 na de Lugo e 53 en Pontevedra. Trátase da terceira comunidade en España con máis distintivos deste tipo, só por detrás da Comunidade Valenciana e Andalucía. 12 portos e 17 centros contan tamén co recoñecemento. Ademais, en Galicia hai 320 entidades certificadas co selo Q de Calidade Turística, entre elas 110 de tipo hoteis e apartamentos turísticos e 63 servizos de restauración, o que a fai a comunidade en España con máis establecementos deste tipos. 152 praias e 18 portos deportivos acadaron o selo S de Sostibilidade Turística.

Arriba