Galicia recibe por segundo ano consecutivo o premio do público ao mellor xardín no Hampton Court Garden Festival de Londres
O público visitante do Hampton Court Palace Garden Festival vén de distinguir á proposta de Galicia como mellor xardín da cita londiniense, que se ten convertido en referente internacional no seu ámbito. Galicia recibe este recoñecemento nesta feira floral por segundo ano consecutivo cunha proposta, nesta edición, que leva por título ‘As tres Gracias de Galicia’, dedicada a tres grandes escritoras da terra: Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán e Concepción Arenal.
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, visitou o Hampton Court Palace Garden Festival en Londres, onde felicitou ao equipo participante na cita “polo seu esforzo e tamén por contribuír a enxalzar a potencialidade do turismo de natureza e a beleza dos xardíns galegos”.
Durante a visita, Xosé Merelles salientou os recursos paisaxísticos e de natureza do destino Galicia, entre os que se atopan os distintos xardíns localizados en pazos e outros elementos do patrimonio arquitectónico de Galicia “que constitúen un atractivo en si mesmo para quen busca gozar da natureza e da vexetación”. Neste sentido, salientou que case o 50 % dos turistas que elixen Galicia como destino vacacional ou e ocio fano en base ao medio natural e paisaxe, sendo este indicador o primeiro das motivacións dos viaxeiros, seguido do patrimonio histórico e artístico que supera o 20 %.
Ademais, subliñou que cada ano, máis do 4 % dos visitantes á comunidade fano co turismo de natureza como principal motivación. O gasto medio destes turistas supera os 70 euros.
O director de Turismo de Galicia puxo en valor a oferta turística de Galicia na súa totalidade, pero en especial todos os xardíns que se poden visitar e referiuse especialmente, á Ruta da Camelia en Flor, impulsada pola Xunta, como “unha iniciativa que cada ano logra atraer un maior número de visitantes”. Esta ruta comezou a realizarse no ano 2023 para aproveitar a época de floración da camelia, que se estende entre os meses de decembro a abril.
Por outra banda, salientou tamén que “a importancia a nivel patrimonial dos xardíns da comunidade vén de recibir un novo impulso coa recente incorporación do Pazo do Faramello no Itinerario cultural Europeo de Xardíns Históricos”.
Así, son xa dez os espazos deste tipo que logran este recoñecemento, engadíndose os de Faramello aos dos pazos de Mariñán, Oca, Santa Cruz de Ribadulla, Rubianes, Quinteiro da Cruz, Lourizán, Quiñones de León; así como os do Castelo de Soutomaior e a Alameda de Santiago de Compostela.
Galicia no Hampton Court Palace
A participación de Galicia nesta cita é obra da deseñadora de xardíns Nilufer Danis que se inspirou nos xardíns galegos para tratar de simbolizar o encontro das tres pioneiras da literatura, o pensamento social e o feminismo en Galicia e España. A proposta paisaxística quere evocar a conexión entre as vidas, ideais e obras das tres escritoras, para o que inclúe distintos espazos conectados por sendeiros sinuosos de grava, entre os que aparecen elementos como pérgolas, fontes ou un estanque de nenúfares.
Algúns dos elementos máis destacados da instalación son un pavillón vintage con plantas rubideiras aromáticas, portóns e pedra inspirados na artesanía do século XIX e unha plantación sostible con plantas perennes, camelias, hortensias e rosas tradicionais en tons suaves. O xardín complétase con textos das autoras, gravados en pedestais de pedra natural.
Segundo Danis, a idea era “crear un espazo que celebrase a forza, a resiliencia e o poder transformador das ideas. Este xardín é unha homenaxe ao rico patrimonio literario e natural de Galicia, e un convite á reflexión sobre a identidade, a xustiza e o papel da muller na construción do mundo”. A creadora baséase nun deseño ecoconsciente para promover a responsabilidade ambiental, mediante o emprego de materiais recuperados, recursos locais e unha xestión eficiente da auga.
Esta é a sexta vez que Galicia participa cun xardín propio no certame inglés. O pasado ano, o xardín inspirado no Camiño de Santiago da comunidade conseguiu a medalla de prata e o premio do público. Previamente presentáranse propostas baixo as claves Rías de Galicia, un xardín na fin da terra; O xardín segredo do Pazo; A Ruta da Camelia; e O soño dos indianos, tamén premiadas.