10 xul 2025

A Xunta dá a coñecer ao tecido social de Vilagarcía o novo albergue ‘Andrés Fernández García’

Representantes de distintos colectivos do ámbito social e veciñal do Concello de Vilagarcía de Arousa visitaron o Albergue de peregrinos de Carril aberto ao público desde o pasado 1 de xullo. O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, foi o anfitrión desta xornada de portas abertas que pretendeu amosar á veciñanza as instalacións que suman 30 prazas á Rede pública de albergues do Xacobeo. Tamén participou  na visita o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera. En total, son 79 albergues e un total de 3.353 prazas en toda Galicia.

Así, participaron na visita responsables das asociacións locais Gato Negro, Malveiras, Amarcarril, Asociación de Mulleres Rurais Illa de Cortegada, Ameixa Rock, Cofradía de Pescadores de Carril ‘Santiago Apóstol’, entre outras.

Precisamente, o director de Turismo de Galicia foi o encargado de descubrir a placa no que figura o nome das instalacións na honra de Andrés Fernández García, un empresario local que instituíu o primeiro consultorio médico e a primeira escola de Carril. 

Xosé Merelles salientou que se trata do primeiro albergue público do Xacobeo na Ruta do Mar de Arousa e desde que leva aberto xa se hospedaron nel oito peregrinos. Ademais, aproveitou para animar aos colectivos a facer uso das súas instalacións para a organización de eventos de pequeno formato, co que se contribúe a entrelazar a cultura xacobea coa actividade social de ámbito local.

O director de Turismo de Galicia tamén se referiu a outra actuación que o seu departamento está a acometer en Vilagarcía de Arousa como é o proxecto de remodelación da estación marítima de Vilagarcía que acollerá un centro de recepción de peregrinos náuticos. A Xunta acaba de adxudicar por segunda vez estas obras á empresa Construccións Orega por un importe de 991.997,55 euros.

Os visitantes puideron facer un percorrido pola cociña-comedor, os espazos comúns e os cinco dormitorios nos que distribúen as 30 prazas que se ofertan. Tras ser cedido a Turismo de Galicia polo concello de Vilagarcía, a Administración autonómica dotouno de mobiliario, así como dos servizos mínimos e do persoal de atención no albergue.

Arriba